O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou hoxe na Cidade da Cultura na inauguración da exposición Francisco Asorey, unha recuperación necesaria, considerado o último gran proxecto expositivo da institución deste 2025. O titular do Goberno galego subliñou que a mostra é unha homenaxe tanto ao escultor cambadés como á propia Galicia, pola súa capacidade de expresar na pedra e na madeira a identidade dun pobo aberto ao mundo: “Asorey tallou na pedra o carácter dun pobo. Esa Galicia orgullosa das súas raíces e aberta ao mundo”, destacou o presidente.
Rueda salientou que a exposición, comisariada por Miguel Fernández-Cid e coa colaboración da neta do artista, Carmen Asorey, é a máis completa realizada ata o momento sobre o escultor, e “unha exposición, como todas as da Cidade da Cultura, pensada para unha nova dimensión das persoas ás que se refiren”. Reúne máis dun cento de pezas procedentes de institucións de toda España (entre elas, o Museo Reina Sofía, o Museo de Arte Sacro de Bilbao, o Museo de Belas Artes da Coruña, o Museo do Pobo Galego, o Museo Provincial de Lugo, o Museo de Pontevedra ou o Museo Valle-Inclán) o que, segundo indicou, demostra a confianza e o prestixio que esperta a Cidade da Cultura como espazo de referencia a nivel nacional.
O percorrido expositivo permite achegarse a todas as facetas do creador: o Asorey relixioso, o monumental, o galeguista e o universal. O presidente destacou que a mostra non só revisa o pasado, senón que ofrece unha lectura contemporánea da súa obra “prolífica e magnífica”, conectando a traxectoria do escultor coa arte galega do presente e do futuro: “O que pretende esta exposición é mirar a Asorey cos ollos de hoxe para entender o seu legado. Todos eses anos, esa longa vida na que traballou e se identificou coa historia da arte galega e tamén co noso país. Foi moito máis que un escultor brillante. Máis ben foi un creador total”, subliñou o presidente.
Rueda puxo en valor o papel da Cidade da Cultura como motor da actividade expositiva en Galicia, que neste 2025 acadou cifras récord con máis de 30 exposicións e máis de 200.000 visitantes ata setembro: “Este ano foi o que tivo maior actividade expositiva. Eu agardo que ese número medre con esta exposición que hoxe inauguramos”, apuntou. Ademais, avanzou que a Xunta xa traballa na programación de 2026 e que os próximos orzamentos destinan máis de 110 millóns de euros ao sector cultural galego, que representa o 3% do PIB e dá emprego a máis de 35.000 persoas.
O xefe do Executivo autonómico lembrou tamén o compromiso do Goberno galego cun modelo cultural aberto, plural e participativo, exemplificado na recente aprobación da Lei de Cultura Inclusiva e Accesible, coa que se busca garantir que todas as persoas poidan gozar da arte sen barreiras físicas, sociais ou económicas: “Unha lei para facer a cultura accesible. Que ningún tipo de condicionante impida o acceso á cultura universal”, salientou.
Rueda concluíu asegurando que a exposición sobre Asorey cumpre unha débeda coa memoria artística de Galicia e ofrece ao público unha oportunidade para reencontrarse cun dos seus grandes xenios, facendo da cultura galega un espazo vivo, recoñecido e con proxección internacional: “Oxalá que moitísima xente tiña a oportunidade grazas a esta exposición de coñecer a unha das nosas grandes figuras”, rematou o presidente.
 
              