Rock para o último concerto de Nadal no Gaiás

Santiago de Compostela, 05 de Xaneiro de 2021

A Cidade da Cultura de Galicia púxolle o alfinete musical a súa programación de Nadal no Gaiás co concerto de música infantil de Uxía Lambona e a Banda Molona. Todos os convites esgotáronse deseguida, mais a actuación puido seguirse en streaming a través da canle de Youtube e na páxina web.

Esta formación de música infantil trouxo ao Museo Centro Gaiás os clásicos populares galegos dándolle o seu toque particular, desde A Carolina rapeada ata O Jato rockeiro, pasando por outros moitos temas tradicionais. Todos eles moi dinámicos, coa intención de facer partícipes aos nenos e ás nenas que asistiron á actuación, ateigada de bailes, xogos, coreografías e algunha que outra sorpresa.

Este é o terceiro concerto da programación de Nadal no Gaiás, tras o do pasado luns, día 28 de decembro, de Soledad Felloza e o cuarteto de cordas Ensemble ConcertArt, que musicaron contos típicos de Nadal; e o de Xesús Vaamonde e Xosé Lois Romero, o 21 de decembro. Neste caso, os dous músicos ofreceron un repertorio de cantos de Reis e panxoliñas interpretados con instrumentos tradicionais.

As tres actuacións esgotaron os convites e retransmitíronse en liña para, deste xeito, compensar a limitación de prazas dispoñibles polas restricións que marcan as actuais medidas de seguridade sanitaria pola situación da covid-19.