Ritmos discotequeiros dos 70 en Atardecer no Gaiás con Floridablanca

Santiago de Compostela, 23 de Xullo de 2019

Atardecer no Gaiás, o ciclo de concertos do verán da Xunta de Galicia na Cidade da Cultura, coincide esta semana coa celebración do Día de Galicia, polo que comezará o venres —e non o xoves— para deixar gozar dos festexos desta importante efeméride. Ese día, os madrileños Floridablanca musicarán o solpor con temas dance funk moi setenteiros co obxecto de converter a praza exterior do complexo nunha pista de discoteca propia desa época.

A banda —que obtivo numerosos éxitos no circuíto indie baixo o nome de Sin Rumbo— evolucionou, ao longo destes anos, o seu son cara a ritmos máis evidentes das pistas de baile dos anos 70 da pasada década, con melodías de pop negro que a crítica especializada sitúa próximas a formacións que van desde Metronomy, The Weekend ou The 1975.

Desde o escenario Cervezas Alhambra —patrocinadora do ciclo— os madrileños despregarán, ás 21 horas, temas ateigados de hedonismo e nocturnidade para convidar a bailar sen complexos. Tomaranlles o relevo ao día seguinte, na Praza Exterior da Cidade da Cultura, os lucenses Berta Franklin con ritmos provenientes do soul americano clásico.

Escaparate de bandas galegas

Todos os compoñentes desta banda de Lugo teñen unha ampla bagaxe noutras formacións. Así, o grupo está formado por Marcos Vigo (voz e guitarra), Simón Cuba (batería), Jesús Iglesias (guitarra), Juan Castro (teclados) e César Lopez (baixo) e veñen de grupos como Oh! Ayatollah, Postergel, Ian o Kimuru.

En Berta Franklin, todos eles teñen moi clara o traza musical do seu proxecto e acadan un son propio e coidado, que non se limita ao soul-blues americano clásico —no que se atreven a  versionar con moito talento e acerto Sleep Walk de Santo & Johnny— senón que amplían a estilos novos, que a banda despregará neste Atardecer no Gaiás do 27 de xullo.

 A súa factura musical de primeiro nivel tenos levado a tocar en numerosos festivais, a pesar da súa curta traxectoria, xa que estes cinco compoñentes uníronse tan só fai un ano baixo este nome, homenaxe á afamada asasina do mítico cantante de soul Sam Cooke. No entanto, xa contan cun repertorio amplo e novos temas, que foron compoñendo ao longo destes doce meses de vida e que se poderán escoitar en primicia na praza exterior da Cidade da Cultura.

Estes dous concertos forman parte das 20 actuacións que, con entrada de balde, compoñen Atardecer no Gaiás, que se celebrará na Praza Central da Cidade da Cultura ata o 17 de agosto. Esta edición continúa a darlle visibilidade aos ritmos que triunfan na actualidade entre a xente máis nova, e tamén as formacións galegas emerxentes co obxecto de que o ciclo tamén supoña un escaparate da calidade musical de Galicia. Toda a información de grupos e artistas en www.cidadedacultura.gal e en www.atardecernogaias.gal.