Remate e axardinamento dos aparcadoiros do Gaiás

Santiago de Compostela, 07 de Novembro de 2017

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria continúa a desenvolver o Plan de Humanización dos espazos exteriores do Gaiás co axardinamento dos seis aparcadoiros ao aire libre e co remate e posta en servizo do Párking 3 –anexo á estrutura do Teatro da Música-.

Nunha visita ao Gaiás, o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez González, comprobou esta tarde o resultado duns traballos que conlevan a plantación de 309 árbores, de 49.000 unidades de especies vivaces e a posta en servizo do Párking 3, que suma 198 prazas, elevando a 707 o total  (640 para turismos, 56 para autobuses e 11 para condutores con mobilidade reducida).

Coa ampliación destes equipamentos, a Xunta dá resposta á crecente actividade da Cidade da Cultura, onde traballan a diario preto de 600 persoas, entre todos os servizos, institucións e empresas localizadas no complexo (Amtega, AGADIC, servizo de Bibliotecas e Arquivos da Xunta, Centro de Emprendemento, unidades de empresas como Telefónica ou Vodafone...). Aos vehículos dos traballadores súmase o tráfico derivado dos visitantes e turistas e dos asistentes ás 200 actividades culturais e aos 300 eventos que se celebran no Gaiás de media cada ano.

Román Rodríguez lembrou que, con estas obras, se segue a desenvolver un Plan de Humanización que supuxo converter nun Xardín Literario un dos baleiros deixados polos edificios non construídos, pór a disposición das familias dúas novas áreas de lecer infantil, rexenerar unha antiga balsa de augas de obras para crear o que hoxe é o Parque do Lago, ademais do gran proxecto medioambiental que representa para toda a comunidade autónoma o Bosque de Galicia.

Bosque de Galicia: II Fase

De feito, o titular de Cultura subliñou que están en marcha as obras de II Fase do Bosque de Galicia, actuacións que suporán a ampliación deste proxecto en 10 novas hectáreas e a plantación de 4.500 árbores máis de especies autóctonas. Cando esta fase estea rematada –primavera de 2018-, o Bosque de Galicia contará con 34 hectáreas e máis de 12.000 árbores, converténdose nun dos ‘pulmóns verdes’ más grandes a carón da Autopista do Atlántico (AP-9).

A II Fase do Bosque de Galicia, lembrou Román Rodríguez, terá un efecto importante na integración do Gaiás en Santiago xa que suporá a apertura dun novo itinerario a través do barrio do Sar, ruta que acurtará os tempos para achegarse á Cidade da Cultura.

En relación coa mellora das conexións co Gaiás, outro dos eixes prioritarios do departamento de Román Rodríguez, o conselleiro lembrou que Fomento puxo en marcha a licitación das obras para a conexión coa Autopista do Atlántico e destacou o potente efecto positivo que este enlace terá na vida do complexo.

O titular de Cultura do Goberno galego destacou que este Plan de Humanización se puxo en marcha con dous obxectivos: maximizar o uso dos espazos, conseguindo aproveitar todas as potencialidades do Gaiás, e eliminar o impacto que teñen as zonas en obra na percepción do complexo por parte dos visitantes, afectando negativamente ao que é un dos valores singulares da Cidade da Cultura: o seu atractivo arquitectónico.

Fotografías: César Martínez (Arxina)