Pequefilmes consolida a súa proxección internacional e trae máis de 80 curtas infantís de 20 países á Cidade da Cultura

Santiago de Compostela, 19 de Xaneiro de 2022

A Xunta fomenta a creación de novos públicos para o cinema cunha nova edición do festival de curtametraxes Pequefilmes, que este ano se consolida como polo de atracción das mellores pezas audiovisuais para as audiencias infantís. Cunha programación que supera os 80 filmes procedentes de máis de 20 países, Pequefilmes é xa unha cita cultural imprescindible para as familias e tamén para creadores de todo mundo.

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, presentou esta mañá no Gaiás as novidades desta sexta edición, acompañado do director do festival, Jorge Rivero, e da directora xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez. O festival decorrerá nos días 29 e 30 de xaneiro con proxeccións en sala e en liña, apostando por manter o formato híbrido que iniciou o ano pasado.

Na súa intervención, o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade puxo de relevo a contribución do festival como unha actividade que promove o gusto polo audiovisual de calidade entre as nenas e nenos, e tamén estimula, desde idades temperás, a súa ollada e actitude críticas como espectadores. “O público miúdo que asiste ao festival na Cidade da Cultura de seguro será tamén público das salas de cinema no futuro”, afirmou. Tanto o secretario xeral de Cultura como a directora xerente da Cidade da Cultura subliñaron tamén a oportunidade que ofrece o formato híbrido para ampliar o público de Pequefilmes, permitindo que nenas e nenos de toda Galicia e de España gocen da súa programación, mais sen renunciar á experiencia de ver cinema en pantalla grande.

Programación de calidade
Pequefilmes mantén a calidade e a variedade como bandeira da súa programación, con curtas de todos os xéneros, estilos e temáticas. Este ano aumenta tamén a presenza de pezas de imaxe real con respecto a outras edicións “porque queremos mostrar que do mesmo xeito que a animación pode ser tamén para un público adulto, o cinema infantil non se fai só con animación”, explicou Jorge Rivero.

Entre as curtas escollidas hai pezas seleccionadas e premiadas nos festivais máis importantes do mundo, como a española Vuela, nominada ao Goya á mellor curta de animación 2021. A obra, dirixida por Carlos Gómez-Mira Sagrado, leva recollidos xa máis de 22 galardóns a nivel internacional. Tamén curtas como a francesa Migrants, tamén candidata aos Goya, premiada nos BAFTA Student Awards e en diversos festivais de Xapón, Estados Unidos e Europa; Tobi und der Turbobus, galardoada no Fantasia Film Festival e no Festival Clermont-Ferrand en 2021; ou Orgiastic Hyper-Plastic, premiada na MONSTRA de Lisboa e no Animafest Zagreb de Croacia, poderán verse nesta edición.

Canda elas estará a curta galega Atopando o Camiño, dirixida por Andrés Castro e María Fanjul. Esta curtametraxe, protagonizada polo alumnado do CEIP Parada-Campañó (Pontevedra) e candidata aos Mestre Mateo 2020, foi tamén seleccionada, entre outros, no Zinetxiki Zinemaldia (España), o TFM Online Film Festival (India) ou o Festival Internacional de Cine Joven de México 2021, onde gañou o Premio Especial da Sección Infantil e unha mención especial á mellor actriz para Laura Gómez Torres.

Colaboración co Festival Olloboi
O alumnado dos centros de ensino galegos son tamén os protagonistas, directores, produtores e guionistas da escolma de pezas que poderá verse, de balde, en dúas sesións especiais na mañá do día 30 de xaneiro grazas á colaboración entre Pequefilmes e o festival de cine escolar Olloboi. Nesta edición colaboran tamén con Pequefilmes o Festival Clermont-Ferrand, Agadic e Gadis, que patrocina un dos premios do certame.

As entradas poranse á venda proximamente en Ataquilla.com e na billeteira do Museo Centro Gaiás para as sesións presenciais –a un prezo de 3 euros máis gastos de xestión– e ao mesmo prezo para as sesións en liña na plataforma tv.Festhome, coa opción de adquirir tamén abonos para unha sección ou todo o festival.

 
(Fotos: Manuel G. Vicente)
(Fotos: Manuel G. Vicente)
(Fotos: Manuel G. Vicente)