Pequefilmes 2022

Volve o mellor cine miúdo á Cidade da Cultura coa sexta edición de Pequefilmes. O festival de curtametraxes infantís consolida a súa oferta e proxección internacional cunha amplísima selección de filmes de animación e imaxe real no que teñen cabida todos os estilos e xéneros. Ademais, Pequefilmes mantén este ano a súa aposta por un formato híbrido, con proxeccións en sala e en liña, que permitirán a nenas e nenos de todo o país gozar da programación do festival.

O festival decorrerá na fin de semana do 29 e 30 de xaneiro de 2022. A cativada poderá vivir a experiencia do cinema en pantalla grande nos auditorios 1 e 2 do Edificio CINC da Cidade da Cultura e tamén ver os filmes a través da rede, accedendo ás diferentes sesións a través da plataforma tv.Festhome. A programación desta sexta edición supera as 80 curtametraxes procedentes dunha vintena de países de todo o mundo, distribuidas nas seccións a concurso do festival: Miñocas (a partir de 3 anos de idade) e Fanecas (a partir de 7 anos de idade).

Fóra de concurso, Pequefilmes ofrece este ano dous programas especiais en colaboración co Festival Clermont-Ferrand e o Festival Olloboi. A primeira inclúe unha ducia das mellores películas seleccionadas nas últimas edicións do prestixioso festival francés, mentres na segunda poderán verse preto de 20 curtas creadas e protagonizadas polo alumnado de primaria e secundaria dos centros de ensino de Galicia que participaron no festival de cine escolar que se vén celebrando en Boiro desde o ano 2009. Este ano, Pequefilmes conta tamén coa colaboración da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e de Gadis, que patrocina un dos premios do festival. 

 

CURTAS PREMIADAS - PEQUEFILMES 2022

Pequefilmes aposta non só por ofrecer contidos audiovisuais de calidade ás nenas e nenos, senón tamén por fomentar desde idades temperás o gusto polo cinema e a ollada crítica das audiencias máis novas. As nenas e nenos, ademais de espectadores, son o xurado do festival e son as súas valoracións as que determinan os premios aos mellores traballos exhibidos nas seccións Miñocas e Fanecas. En Pequefilmes 2022 as curtas Kayak, unha divertida historia sobre a primeira viaxe en piragua dun pai co seu fillo nun en apariencia apacible día de verán, e Dennis, que nos conta o día a día dun diaño que é malo incluso cando intenta facer o mal, foron as dúas curtas elixidas como vencedoras respectivamente das seccións Miñocas (+3 anos) e Fanecas (+7 anos).

  • Kayak. Solène Bosseboeyf, Flore Dechorgnat, Tiphaine Klein, Auguste Lefort, Antoine Rossi. (Francia, 2021) Premio do Público á Mellor Curtametraxe da categoría Miñocas (+3 anos). Este premio conta co patrocinio de Gadis como entidade colaboradora do festival nesta edición.
  • Dennis. Carlos Beceiro, Guillermo Garzón. (España, 2021). Premio do Público á Mellor Curtametraxe da categoría Fanecas (+7 anos).

Kayak (Francia, 2021) Dennis (España, 2021)
 Kayak. Premio Miñocas Pequefilmes 2022  Dennis. Premio Fanecas Pequefilmes 2022

 

PROXECCIÓNS DE CURTAS POR IDADES

Pequefilmes 2022 - Miñocas Pequefilmes 2022 - Fanecas
Pequefilmes Miñocas. +3 anos. Auditorio 1 do Edificio CINC. Consulta aquí a programación e merca a túa entrada. Pequefilmes Fanecas. +7 anos. Auditorio 2 do Edificio CINC. Consulta aquí a programación e merca a túa entrada.
Programa especial Clermont-Ferrand Programa especial Olloboi
Escolma das mellores películas seleccionadas nas últimas edicións do prestixioso Festival Internacional de Curtametraxes Clermont-Ferrand. Sesións nas Salas Miñocas e Fanecas. De balde previa retirada de entrada. Curtas realizadas no marco do Festival Olloboi. Dirixidas escritas e ata protagonizadas polo alumnado de primaria e secundaria de Galicia. Sesións nas Salas Miñocas e Fanecas. De balde previa retirada de entrada.

 

COMO VER PEQUEFILMES NA REDE

O festival Pequefilmes contará cun espazo propio na plataforma tv.Festhome, no que ver en liña as distintas sesións de curtametraxes. Para acceder, sigue estes pasos:

  • Rexístrate en tv.festhome e entra co teu usuario e contrasinal.
  • Consulta o programa no espazo de Pequefilmes e selecciona a sesión que prefiras. Podes mercar a túa entrada para unha sesión (3 €) ou un abono (25 €) para todo o festival.
  • Unha vez realizado o pago, poderás ver a/s sesión/s escollida/s durante o tempo que permanezan dispoñibles: do 29 ao 31 de xaneiro de 2022.
 
En familia
 
4 Xuñ 2022
Ás 11.00 horas