Pequefilmes 2019 trae ao Gaiás o mellor cinema infantil dos cinco continentes

Santiago de Compostela, 21 de Xaneiro de 2019

O festival infantil de curtametraxes Pequefilmes regresa os días 26 e 27 de xaneiro ao Museo Centro Gaiás cunha programación que percorre os cinco continentes e destinada ao público máis miúdo da casa. Durante a próxima fin de semana, a Cidade da Cultura acollerá máis de 150 proxeccións de curtametraxes de 30 países, nunha aposta por achegar a Galicia o mellor cine infantil que se está a facer nos cinco continentes.

A Consellería de Cultura e Turismo, a través da Fundación Cidade da Cultura, promove Pequefilmes co obxectivo de facer xermolar o gusto polo audiovisual de calidade desde as idades máis novas. Ademais, os nenos e nenas serán os encargados de valorar e puntuar as curtametraxes, participando así de maneira activa na escolla das películas que recibirán os premios do público do festival.

Pequefilmes completa a súa programación con obradoiros de creación cinematográfica para aprender técnicas e conceptos do mundo do cinema e da animación. Nesta edición, as familias aprenderán xuntas a deseñar e animar personaxes empregando a técnica da animación fotograma a fotograma, e poderán construír o seu propio proxector de cine caseiro con materiais reciclados.

As entradas para as proxeccións e os obradoiros xa están á venda no Museo Centro Gaiás e a través da web en www.ataquilla.com.

Filmes dos festivais de animación máis importantes do mundo

Na Cidade da Cultura poderá verse o máis destacado da produción internacional actual dedicada ás audiencias máis miúdas, con traballos seleccionados e premiados nos festivais de cinema infantil, xuvenil e de animación máis importantes do mundo, como o Annecy, Chicago ICFF, Animamundi, Animafest ou Dresdner Kinderfilfest.

As proxeccións divídense en tres seccións por idades: Vagalumes –de 0 a 3 anos–, Miñocas –a partir dos 3 anos– e Fanecas –para maiores de 7 anos–. A elas súmase tamén unha escolma especial de curtametraxes procedentes do prestixioso festival Clermont-Ferrand, que vén colaborando coa Fundación Cidade da Cultura nas últimas edicións de Pequefilmes.

Pequefilmes é unha oportunidade única para que os máis pequenos da casa vexan pezas audiovisuais de todo o mundo, que en moitas ocasións, quedan fóra do seu alcance a través dos circuítos comerciais. A diversidade de técnicas, puntos de vista, historias e temas que abordan as curtas que se proxectarán é outro dos puntos fortes do festival.

Polo que respecta á representación galega, nesta edición de Pequefilmes participan catro traballos feitos na nosa comunidade: Vila Pelusa, de Andrea Castro, Rebeca Domínguez e Javier González; The magic oven (O forno máxico), de Andrea Sánchez, Natalia Senra e Sandra Varela; Criaturas caóticas, de Olga Osorio e Paquita, de Javier González Garrido.