As pandeireteiras, protagonistas dun Serán'03 que trae ao Gaiás un milleiro de intérpretes da música tradicional

Serán'03. Fotos: Rocío Cibes
Santiago de Compostela, 10 de Xuño de 2022

A Xunta de Galicia converte desde hoxe ata o domingo a Cidade da Cultura nun escaparate onde amosar o momento excepcional que está a vivir a música tradicional galega. A terceira edición do Serán. Encontro Galego de Cultura Popular congregará un millar de intérpretes, nun programa que homenaxea a pandeireta como instrumento icónico e reivindica o papel das mulleres na transmisión e salvagarda da tradición musical galega

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, na apertura do evento, convidou a gozar dun programa que vivirá o seus momentos de maior celebración no festival folclórico desta noite, no foliadón de mañá e no concerto de coros históricos do domingo, e que se completa cunha feira –con expositores como artesáns do tecido, do calzado, da ourivería, de instrumentos tradicionais, asociacións e federacións ou organización de festivais–, masterclasses profesionais de pandeireta, percusión e técnica vocal, obradoiros familiares e un desfile de traxes tradicionais. Todas as actividades son de balde.

“Máis de 40.000 persoas forman parte dalgunha agrupación folclórica en Galicia, cifra que dá idea da riqueza e boa saúde da música tradicional. Estou convencido de que este Serán’03 será a mellor das maneiras de reflectir como a nosa rica cultura popular segue viva e continúa a sumar seareiros entre a cativada”, asegurou Román Rodríguez que estivo acompañado na apertura da feira polo director artístico do encontro, Henrique Peón, así como o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e pola directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez.

Henrique Peón, á fronte deste evento desde a súa primeira edición, subliñou que o Serán’03 quere ser “lugar para o encontro tanto de artistas profesionais como das agrupacións folclóricas, e de todos aqueles que gozan coa nosa música, tanto daquelas persoas mais maiores, que gardan na súa memoria a raíz da nosa tradición, como de toda a rapazada que é o futuro deste sector”. Lembrou tamén que máis de 10.000 persoas pasaron polas dúas primeiras edicións: a primeira centrada no baile tradicional e a segunda nas bandas de música populares.

“Desta volta, lembraremos o papel clave que xogaron as agrupacións folclóricas desde aparición das pandeireteiras de Mens dos anos 70 para a reconstrución musical e estética deste instrumento, ata chegar ao momento actual no que xa é imposible entender a música galega sen a súa figura”, explicou o director artístico, convencido de que este Serán’03 será con toda seguridade “un dos maiores eventos celebrados en Galicia ao redor da pandeireta”.

Faltriqueira, Davide Salvado, Fransy González ou Óscar Ibáñez son algúns dos nomes máis coñecidos dun programa no que participan varios dos principais grupos folclóricos de Galicia, como Donaire, Rebulir, Trébede, Ultreia, Etnográfico das Mariñas, Xacarandaina, Cantigas e Agarimos ou Alxibeira.

Portas do Camiño

Como novidade, o Serán presenta o Festival Portas do Camiño, que reunirá o sábado a cinco grupos de pandeireteiras de diferentes lugares da Península, co nexo común das Rutas Xacobeas: Xeitu, de Asturias; Seronda, de León; Denise e Bea, do Bierzo; Crúa, de Portugal; e Pandereras de Salamanca (que interpretarán repertorio de Peñaparda).

Máis alá dos momentos de música e baile, este encontro pretende ser tamén unha oportunidade para divulgar e afondar no estudo da música tradicional en xeral e, este ano de xeito particular, ao redor da pandeireta. Así, o público poderá asistir a oito masterclasses de percusión, pandeireta e técnica vocal, así como a conferencias e mesas redondas con relatoras como a etnomusicóloga Beatriz Busto ou o presidente da delegación española do Consello Internacional de Organización de Festivais do Folclore e as Artes Tradicionais, Rafael Cantero.

As familias poderán participar nun obradoiro de estampaxe sobre tea e gozar do espectáculo para a cativada de Cé Orquestra Pantasma. A proposta que nos trae o Serán complétase cun desfile de traxe tradicional a cargo da Asociación Etnográfica Sete Espadelas de Pontevedra e un concerto dos coros centenarios protagonizado polas agrupacións Cantigas de Agarimos (Santiago de Compostela) e Cántigas da Terra (A Coruña).

Todo o encontro é con entrada libre e de balde, coa excepción dos contidos con prazas limitadas, como as masterclasses e obradoiros, para os que cómpre realizar a reserva praza na web da Cidade da Cultura de Galicia.

 
Serán'03. Fotos: Rocío Cibes
Serán'03. Fotos: Rocío Cibes
Serán'03. Fotos: Rocío Cibes
Serán'03. Fotos: Rocío Cibes
Serán'03. Fotos: Rocío Cibes
Serán'03. Fotos: Rocío Cibes
Serán'03. Fotos: Rocío Cibes