Orixinal viveiro de sementes nas Hejduk coa intervención artística 'O perpetuo tránsito cara ao presente'

Santiago de Compostela, 23 de Marzo de 2021

O secretario xeral de Cultura da Xunta, Anxo M. Lorenzo, inaugurou hoxe nas Torres Hejduk O perpetuto tránsito cara ao presente, unha intervención artística do enxeñeiro forestal Miguel Moreno Mateos (Madrid, 1978), quen reconstrúe un orixinal sistema de rego, composto por 17 esferas de cristal de diferentes tamaños e feitas artesanalmente, en cuxo interior hai material orgánico (minerais, crustáceos, pedras...). A través destes cilindros, e coa choiva recollida no cumio da torre opaca, nútrese un viveiro con sementes, situado na torre de cristal, co obxecto de facelas xermolar. A idea é reflectir a importancia da auga como orixe da vida e xusto na mesma semana que se conmemora o Día Mundial da Auga (22 de marzo).

Precisamente, Anxo M. Lorenzo estivo acompañado neste acto —ademais de pola directora-xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, e polo propio artista— por Marcos Martín González, conselleiro delegado de Viaqua en Galicia, entidade patrocinadora desta intervención e tamén das tres anteriores nas Torres Hejduk vencelladas con accións artísticas que promoven a concienciación ambiental, como foron: Paisaxes incultas, de Cristina García Fontán; Plástico en mareas, de María José Arceo, e Betula Pendula, de Martín Toimil.

Na súa intervención, o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade precisou que a instalación se inscribe na programación do Xacobeo’21 e salientou o “evidente símil” que se aprecia co Camiño, “unha experiencia que purifica á vez que permite ir absorbendo e incorporando vivencias que transforman ou permiten emprender novas etapas e proxectos; ao igual cá auga que chega á torre de cristal e dá vida en forma de sementes incipientes, que xermolarán dando lugar a algo que será futuro. Pero, polo de agora, só é presente”, comparou.

Esferas con capacidade de ata 100 litros

Pola súa banda, Miguel Moreno Mateos explicou polo miúdo a súa instalación. Deste xeito, informou de que a auga da choiva purifícase mediante radiación ultravioleta; descende a través de tubos de burosilicato; e flúe na torre de cristal entre as esferas, feitas artesanalmente con vidro soprado en diferentes tamaños, “que van desde os 70 quilos para albergar ata 100 litros ás máis pequenas de 380 gramos con capacidade de 1 litro”.

A máis grande é a última en recoller toda a auga que percorreu as 16 esferas anteriores, nunha viaxe na que se foi contaminando no senso de enriquecendo cos materiais orgánicos, minerais e vexetais que albergaban cada unha das esferas. É esta auga a que rega un viveiro, con sementes de cabaza co obxectivo de que medren nas Hejduk durante o período da instalación.

Finalmente, Miguel Moreno Mateos explicou que tamén emprega a auga “como elemento metafórico da propia humanidade”, en canto a que é un material “capaz de adaptarse e evolucionar, de purificarse e de contaminarse”.

Miguel Moreno Mateos

A natureza e o comportamento humano son fontes constantes de inspiración de Miguel Moreira Mateos. Os seus traballos están estreitamente vencellados co medio ambiente e na súa obra é recorrente que afonde en conceptos como a integración, migración, interacción, liberdade e identidade.

Cunha traxectoria profesional de 15 anos como paisaxista, tras formarse en Enxeñería forestal e realizar un máster de Xardín e outro Paisaxismo e Arquitectura da Paisaxe, a súa carreira como artista plástico teno levado ao Instituto Cervantes de Shanghai, Studio Gallery e Shun Gallery, en Shanghai o ABC Art Book Beijing e ten participado con proxectos de arte urbana, en calidade de artista convidado en Pinta Malasaña en Madrid, na Casa de Velázquez ou no centro de arte O Vello Cárcere de Lugo.

Actualmente, colabora coa New York University Shanghai, onde impartiu obradoiros sobre Bioarte e foi seleccionado como artista convidado en prestixiosas residencias artísticas como a Swatch Art Peace Hotel, na China e o Hongti Art Center, en Corea.