‘Obxectos de desexo’ chega á súa derradeira fin de semana no Gaiás recibindo preto de 30.000 visitas

Santiago de Compostela, 26 de Agosto de 2022

A Cidade da Cultura despide este domingo a exposición Obxectos de desexo. Surrealismo e deseño 1924-2020 que xa colleitou preto de 30.000 visitas desde a súa apertura no mes de abril. A mostra ofrece a posibilidade de contemplar unha das antoloxías sobre deseño contemporáneo e arte surrealista máis sobresaíntes.

Froito da colaboración entre o Goberno galego, a Fundación ”la Caixa” e o prestixioso Vitra Design Museum, este proxecto chegou a Galicia no marco do Xacobeo 21-22. Exhibe unha

escolma de 280 obras que inclúe pinturas, esculturas, obxectos ou fotografías, pezas asinadas por artistas tan significativos como Man Ray, Le Corbusier, Salvador Dalí, Giorgio de Chirico, Meret Oppenheim, Ray Eames ou Frederick Kiesler, entre outros.

Comisariada polo director do Museo Vitra, Mateo Kries, Obxectos de desexo. Surrealismo e deseño 1924-2020 conta co patrocinio de Hugo Boss e o apoio de Art Mentor Foundation Lucerne. Ademais das pezas do Vitra Deign Museum, exhibe obras da Fundación Le Corbusier (París), a Fondazione Giorgio e Isa De Chirico (Roma), o West Dean College británico ou o Museo Den Bosch de Holanda.

Tras a súa estancia en Compostela, esta mostra que xa itinerou por cidades españolas como Madrid ou Barcelona, viaxará a Londres, onde poderá visitarse a partir de outubro no prestixioso London Design Museum.

Un diálogo entre arte e deseño
O surrealismo, despois de presentarse en 1924 co Manifesto surrealista de André Bretón, animou a moitos deseñadores a cuestionar o funcionalismo, e a concibir pezas que rompían coa rutina e escapaban do cotián. Inspirados polos principios deste movemento, os creadores comezaron a alterar obxectos cotiás, facéndoos máis fantasiosos, oníricos, terroríficos ou emocionais. A influencia do surrealismo sobre o deseño estendeuse desde o mobiliario e o deseño de interiores ata a moda, o cinema ou a fotografía.

A exposición enmárcase no acordo de colaboración entre a Xunta de Galicia e a Fundación ”la Caixa” que posibilitou visitar na Cidade da Cultura mostras como Cinema e emocións. Unha viaxe á infancia –con fondos da Cinémathèque française– e Faraón. Rei de Exipto –con obras do British Museum–.

Con entrada de balde, a mostra pode visitarse ata este domingo en horario de 10,00 a 20,00 horas. O Gaiás ofrece un programa de visitas comentadas gratuítas nas que cómpre reservar praza a través da web da Cidade da Cultura de Galicia.

Xunto a esta mostra, o Museo acolle o proxecto de realidade virtual Carne y Arena de Alejandro G. Iñárritu e a exposición A Vía da Prata. Aires do Sur, con fotografías de Carmenchu Alemán, Cristina García Rodero ou J. M. Castro Prieto, entre outros.