O Serán’03 despídese cun man a man das corais históricas de Cantigas e Agarimos e Cántigas da Terra

Serán'03. Fotos: Rocío Cibes
Santiago de Compostela, 12 de Xuño de 2022

A Xunta de Galicia despide hoxe na Cidade da Cultura a terceira edición do Encontro Galego de Cultura Popular, Serán’03 cun concerto dos coros centenarios de Cantigas e Agarimos e Cántigas da Terra. O man a man entre as dúas corais históricas rematará esta tarde cunha emotiva interpretación conxunta do Himno Galego –con preto dun centenar de voces sobre o escenario– pondo así o peche a tres intensos días de actividades arredor da nosa música e o noso baile, coa pandeireta como gran protagonista, que están a congregar a milleiros de visitantes na Cidade da Cultura.

O Coro Cantigas e Agarimos vén de cumprir un século de vida (fundouse en 1921 en Santiago de Compostela) e é un dos catro coros históricos galegos, ademais dun referente cultural na sociedade santiaguesa do último século. Ten realizado actuacións en Portugal, A Arxentina ou O Uruguai e as súas orixes remóntanse ao ámbito das Irmandades da Fala –sendo o seu antecedente directo o desaparecido coro Queixumes dos Pinos–. Este contexto galeguista está tamén no cerne de Cántigas da Terra, entidade que desenvolve a súa actividade desde 1916 na cidade da Coruña e da que teñen formado parte persoeiros como Antón Vilar Ponte, Leandro Carré, ou Lugrís Freire. O coro coruñés desenvolve tamén o proxecto educativo Escolas da Terra, centrado na divulgación e difusión da cultura tradicional galega.

As pandeireteiras como protagonistas

Promovido polo Goberno galego para apoiar e pór en valor a nosa cultura popular e de base, este terceiro Serán quere ademais reivindicar dun xeito especial o papel das mulleres na transmisión e salvagarda da tradición musical galega, especificamente da figura das pandeireteiras. Así, profesionais como Fransy González –pandeireteira que ten colaborado con figuras como Carlos Núñez, Dulce Pontes ou Erik Marchand–, a cantante e percusionista de Puglia, Livia Giaffreda, especialista en tamburello (pandeiro de marco empregado no sur de Italia), ou a cantante e percusionista de música tradicional de Castela e León, Vanesa Muela, –con 40 anos sobre os escenarios e 15 discos ás súas costas– están a impartir clases maxistrais neste encontro. Na xornada de onte do Serán’03 tivo lugar tamén unha mesa redonda arredor da revolución das pandeireteiras na música galega, na que participaron María Vidal, integrante do trío As Cantigas de Elena, Marisol Palomo, cantante no grupo Ialma, María López (Faltri), integrante da agrupación Faltriqueira, e María Montero, do grupo de pandeireteiras Lilaina.

Tamén o traxe tradicional ten un oco moi destacado na programación deste domingo, cun desfile organizado pola asociación etnográfica pontevedresa Sete Espadelas. Baixo o título Da vila e da aldea, proponse unha pasarela de 30 traxes tradicionais, todos eles antigos ou fieis reproducións de orixinais, dos empregados na Galicia do século XIX. A selección de traxes procura reflectir as diferenzas entre o vestiario das diferentes clases sociais, con traxes de decotío ou faena para os labores cotiás da xente da aldea; traxes domingueiros ou de ir á vila usados nos días especiais pola xente da aldea; e tamén traxes de garda ou cerimonia, os das clases máis acomodadas da vila, usados para os días de voda e similares.

Un encontro para todos os públicos

Ao longo dos tres días deste Encontro Galego de Cultura Popular, na Cidade da Cultura estanse a congregar arredor dun milleiro de artistas e intérpretes coa presenza de nomes como Faltriqueira, Davide Salvado ou Óscar Ibáñez, ou agrupacións folclóricas como Donaire, Rebulir, Trébede, Ultreia, Etnográfico das Mariñas, A Ponte Vella ou Alxibeira.

Outra das principais novidades desta edición foi o Festival Portas do Camiño, que na tarde do sábado reuníu cinco grupos de pandeireteiras de diferentes lugares da Península, co nexo común das rutas xacobeas: Xeitu, de Asturias; Seronda, de León; Denise e Bea, do Bierzo; Crúa, de Portugal; e Pandereras de Salamanca (con repertorio de Peñaparda).

Máis alá dos momentos de música e baile, este encontro pretende ser tamén unha oportunidade para divulgar e afondar no estudo da música tradicional en xeral e, este ano de xeito particular, ao redor da pandeireta. As familias teñen tamén o seu espazo, cun obradoiro de estampaxe sobre tea e un concerto de Cé Orquestra Pantasma. Todo o encontro desenvolveuse con entrada de balde.

 
Serán'03. Fotos: Rocío Cibes
Serán'03. Fotos: Rocío Cibes
Serán'03. Fotos: Rocío Cibes
Serán'03. Fotos: Rocío Cibes
Serán'03. Fotos: Rocío Cibes
Serán'03. Fotos: Rocío Cibes
Serán'03. Fotos: Rocío Cibes
Serán'03. Fotos: Rocío Cibes