O Serán'02 despídese cun espectáculo con 160 artistas que fusiona o son das bandas de música con corais e ritmos tradicionais

Santiago de Compostela, 30 de Xuño de 2019

Máis de medio milleiro de intérpretes de bandas de música de toda Galicia déronse cita esta fin de semana no Gaiás para participar no Serán’02: II Encontro Galego de Cultura Popular. O evento, promovido pola Xunta para impulsar e pór de relevo a cultura galega de base, pechou o seu programa esta tarde cunha suite tradicional galega interpretada pola Banda de Música de Salceda de Caselas. O espectáculo, titulado Saliceta, reuniu sobre as táboas a máis dun cento de músicos nunha fusión de música coral e tradicional co repertorio da banda. Saliceta foi elixido no concurso Innova-Agadic de proxectos que exploran novos escenarios musicais e culturais.

O Serán’02 pechou tres días dun intenso programa de actividades coas bandas de música como protagonistas. O encontro estivo dirixido por Quique Peón e contou coa colaboración da Federación Galega de Bandas de Música Populares (FGBMP) e Gadis.

Esta segunda edición do Encontro Galego de Cultura Popular quixo pór de relevo o importante papel das bandas de música na cultura galega de base, tanto pola súa relevancia artística como polo labor social e docente que desenvolven, formando no seu seo ás novas xeracións de músicos. Segundo datos da FGBMP, en Galicia conta a día de hoxe con máis dun cento de agrupacións que aglutinan a uns 8.000 músicos e nas que aprenden música arredor de 5.000 nenos.

Concertos de primeiro nivel

O programa do encontro incluíu concertos dalgunhas das mellores bandas galegas, entre eles un man a man entre as dúas únicas bandas municipais profesionais de Galicia –A Coruña e Santiago de Compostela–, un concerto da Unidade de Música do Tercio Norte de Infantería de Marina de Ferrol, así como concertos de numerosas formacións infantís e xuvenís. Outro dos pratos fortes do encontro foi o Baile Irmandades da Fala, un espectáculo ambientado a comezos do século XX para danzar na Praza Central do Gaiás ao son das bandas de Lalín, Valladares, Santa Cruz de Ribadulla e A Lira de Ribadavia, e das charangas tradicionais de Xacarandaina, O Fiadeiro e Cantigas e Agarimos. Ao longo da noite repartíronse premios ao mellor vestiario e á parella de baile que demostrou unha maior destreza e habilidade nesta noite festeira.

Programa para todo tipo de público

O Serán’02 propúxose dirixirse a todo tipo de público, fose ou non parte do sector das bandas de música, polo que incluíu contidos de tipo profesional –como clases maxistrais, conferencias e mesas redondas– e outros dirixidos a un público xeral e familiar. Ademais de gozar dos concertos e espectáculos programados, as persoas asistentes puideron visitar o recinto feiral do encontro, cunha vintena de expositores, e participar en obradoiros de baile agarrado cos mestres Xisco Feijoo e Suso Cancelas e en talleres de fabricación de instrumentos con materiais de refugallo dirixidos á cativada. O evento desenvolveuse en distintos espazos do complexo do Gaiás como o auditorio ao aire libre do Xardín do Teatro ou o Museo.

O Serán: Encontro Galego de Cultura Popular naceu en 2018 impulsado pola Xunta de Galicia como un evento de primeira orde, con vocación de consolidarse no tempo como unha gran plataforma destinada a reunir, protexer e pór de relevo todas as iniciativas que xorden no seo da cultura popular, dedicando as súas edicións sucesivas a diversas manifestacións da nosa cultura de base. A primeira edición deste Encontro Galego de Cultura Popular estivo centrada no baile e música tradicional con motivo da súa declaración como Ben de Interese Cultural, cuxa tramitación se iniciaba en abril do pasado ano coa incoación do expediente.