O programa de concertos de 'Galicia Emerxe' chegará ao Gaiás en setembro

Santiago de Compostela, 03 de Xuño de 2020

A Xunta de Galicia está a impulsar a produción do programa de música ao vivo Galicia Emerxe como unha das novas iniciativas xurdidas ao abeiro do seu Plan de reactivación dos sectores cultural e turístico fronte aos efectos derivados da Covid-19. Esta iniciativa da Consellería de Cultura e Turismo, na que participarán medio centenar de artistas e grupos profesionais galegos de moi diferentes estilos, dispón dun orzamento de 500.000 euros para lles achegar ingresos e liquidez económica, así como unha nova plataforma de difusión do seu traballo en diferentes canles audiovisuais.

Neste sentido, cóntase coa implicación no proxecto da CRTVG para emitir os diferentes episodios de Galicia Emerxe, que adaptarán o seu formato para seren difundidos tamén pola Radio Galega, así como en YouTube e en plataformas de música en streaming.

Está previsto que os concertos, dunha media hora de duración, sexan gravados durante o mes de setembro no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura de Galicia, ao vivo e con presenza de público, sempre seguindo as inidicacións en canto ao seu número de espectadores e medidas de seguridade ditaminadas para ese momento polas autoridades sanitarias.

Os diferentes detalles para a posta en marcha desta produción foron abordados hoxe na xuntanza que mantiveron Jacobo Sutil, director da Axencia Galega ds Industrias Culturais (Agadic); Ana Isabel Vázquez, directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura de Galicia; Fernando Ojea, director de Contidos da CRTVG; e Rómulo Sanjurjo, director da consultora JauCultura. 

Nesta primeira quincena do mes de xuño farase pública a convocatoria para a selección dos solistas e bandas de Galicia Emerxe, que deberán ser propostas por axencias ou representantes con dedicación profesional e serán elixidas por unha comisión independente atendendo a criterios como a traxectoria artística, a actividade recente ou a perspectiva de xénero, entre outros.