Galicia Emerxe

A Cidade da Cultura acolle en setembro 50 concertos de artistas e grupos musicais galegos, de moi diferentes estilos, no marco do ciclo Galicia Emerxe, un programa de música ao vivo promovido pola Xunta de Galicia ao abeiro do Plan de reactivación dos sectores cultural e turístico fronte aos efectos derivados da covid-19. Podes consultar aquí a listaxe completa dos artistas seleccionados.

Os concertos, dunha media hora de duración, serán gravados no Museo Centro Gaiás, sen presenza de público. Cóntase ademais coa implicación no proxecto da CRTVG para emitir os concertos en diferentes episodios, que adaptarán o seu formato para seren emitidos tamén pola Radio Galega, así como en YouTube e en plataformas de música en streaming. Deste xeito contribuirase tamén á difusión do traballo dos artistas e bandas galegas a través de diversas canles audiovisuais.

As bandas e solistas que actúan en Galicia Emerxe, todos eles artistas galegos profesionais, de calquera estilo musical, con domicilio fiscal en Galicia; foron seleccionadas mediante convocatoria aberta por unha comisión independente, propostas por axencias ou representantes con dedicación profesional a través da plataforma de xestión www.galescena.gal.