O programa de axudas 'O teu Xacobeo' preséntase na Cidade da Cultura de Galicia

Santiago de Compostela, 12 de Xaneiro de 2019

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, acompañado da comisaria do Xacobeo 21, Cecilia Pereira, presentou hoxe O teu Xacobeo, a primeira convocatoria aberta de proxectos destinada a incorporar e cofinanciar novas iniciativas na antesala do Xacobeo 21. Ante 400 persoas nun acto celebrado na Cidade da Cultura, o conselleiro chamou a todos os galegos a construír xuntos o Ano Santo máis participativo a través deste programa, aberto a calquera cidadán, empresas, entidades públicas e privadas e sen ánimo de lucro da Comunidade.

O teu Xacobeo, dotado con 2 millóns de euros, senta as bases dun Xacobeo que aspira a ser transversal e que aposta pola transparencia e a igualdade de oportunidades. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicará o luns esta orde de axudas, que se concederán en réxime de concorrencia competitiva e que impulsará proxectos en cinco ámbitos ao longo de 2019 ata abril de 2020, ampliando así a repercusión do Xacobeo 21. Os interesados poderán atopar nela todos os detalles e requisitos necesarios para solicitar o cofinanciamento.

“Hai tantos xacobeos como galegos –salientou o conselleiro–. Coas achegas de cada un deles construiremos o noso Xacobeo, o Xacobeo de todos, que será a expresión da Galicia plural e diversa, tradicional e moderna, que se recoñece nos valores do Camiño de Santiago”.

Como lembrou Román Rodríguez, O teu Xacobeo abrangue todo o territorio, pois “estaríamos equivocados se pensamos que a peregrinación só chega a nivel económico, social, cultural ou turístico aos concellos polos que discorre o Camiño de Santiago”. Ao contrario, subliñou que a súa pegada acada a todos e “para que teña éxito, debe ser un proxecto colectivo, que non se circunscriba a un ano concreto nin a un territorio”.

Tres tipos de solicitantes

Poderán optar a este cofinanciamento tres tipos diferentes de solicitantes: entidades locais (concellos galegos, mancomunidades de concellos, consorcios locais e as deputacións provinciais), entidades privadas (persoas físicas ou xurídicas constituídas baixo forma mercantil ou civil e as comunidades de bens que están comprendidas na definición de pequena e mediana empresa) e entidades públicas ou privadas sen ánimo de lucro.

Para as entidades públicas, abrirase unha liña de 875.000 euros para subvencionar, en función do tamaño demográfico, un máximo do 85% por proxecto ata os 50.000 euros.

Para as entidades privadas, disporanse 825.000 euros adicionais que cubrirán un máximo do 60% ata 25.000 euros. Finalmente, para entidades sen ánimo de lucro consígnanse 300.000 euros, con axudas polo 90% do proxecto presentado e ata 20.000 euros. No caso das entidades públicas, para o cálculo da achega aplicaranse rangos de intensidade na contía da subvención segundo criterios poboacionais coa intención de fomentar o desenvolvemento de actividades nas áreas rurais, apoiar os municipios con menos recursos económicos e fomentar a cooperación entre concellos. “Galicia merece celebrar un Ano Santo que nos permita dar un salto cualitativo como país en numerosos eidos. Un Ano Santo que sexa panca de cambio da próxima década”, declarou ao respecto o titular de Cultura e Turismo.

Cinco áreas temáticas

O teu Xacobeo abrangue cinco áreas subvencionables: ámbito artístico, patrimonio-historia-pensamento-espiritualidade, gastronomía, ámbito deportivo e ámbito social.

O ámbito artístico comprende toda unha serie de disciplinas como artes visuais, arquitectura, deseño, cultura dixital, artesanía, moda, cinema e documental, todo tipo de músicas, artes escénicas (teatro, danza, novo circo etc.), literatura e libro. No eido do patrimonio, historia, pensamento e espiritualidade terán cabida foros de reflexión, encontros, publicacións, estudos, conferencias, xornadas de formación, programas de intercambio con expertos doutras nacionalidades ou charlas educativas en colexios, entre outras opcións.

En canto a área gastronómica, O teu Xacobeo inclúe experiencias e actividades de elevado valor engadido, que contribúan a dar a coñecer e gozar do patrimonio enogastronómico de Galicia achegando a visitantes e locais unha parte das tradicións, oficios, cultura, historia e identidade territorial. Tamén a promoción de produtos con denominación de orixe ou indicacións xeográficas (por exemplo: catas e degustacións, charlas, talleres, actividades de formación e intercambio, publicacións, feiras e outras).

No ámbito deportivo prevense eventos de calquera disciplina, con especial atención ás actividades non profesionais e para todos os públicos. Inclúense actividades dirixidas e ao aire libre como camiñadas ou rutas organizadas, clases en grupo e disciplinas relacionadas co benestar, o fomento da vida activa e o gozo respectuoso da natureza.

Por último, a quinta área subvencionable, o ámbito social, contempla os programas de voluntariado, sociais e/ou educativos que fomenten a inclusión e participación.

Criterios de valoración

Os proxectos presentados serán valorados con base en criterios como a pertinencia, calidade do contido e das actividades, comunicación e difusión, viabilidade e sustentabilidade. Así, avaliarase se se axustan aos fins e prioridades da estratexia do Xacobeo 21 especificada nas directrices aprobadas tanto polo Consejo Jacobeo a nivel nacional como pola Comisión Organizadora en Galicia. Tamén se terá en conta como se implementan na práctica ou en que medida contribúen á difusión dos valores e obxectivos asociados ao Ano Santo.