O Gaiás celebrará os fitos e figuras lendarias do fútbol cunha grande exposición

Santiago de Compostela, 12 de Decembro de 2018

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez González, anunciou esta mañá que a Xunta de Galicia organizará no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura a exposición máis ambiciosa realizada até o momento sobre a historia do fútbol galego. A mostra, titulada Valor e mestría. Galicia como fútbol, percorrerá os fitos do balompé en Galicia nun período de 142 anos, desde as primeiras crónicas xornalísticas que deron conta desde deporte a finais do XIX até os goles de Iago Aspas coa selección española no Mundial de Rusia.

A exposición, que abrirá as súas portas o 1 de febreiro e finalizará o 1 de setembro de 2019, exhibirá máis de trescentas pezas procedentes dun cento de clubs, institucións e coleccionistas privados, unha escolma completa que lembrará as xestas de xogadores galegos lendarios como Luis Suárez, Amancio, Marcelino, Luis Otero, Fran ou Borja Oubiña  de entrenadores como Arsenio Iglesias ou Carriega ou de equipos como o Pontevedra do Hai que roelo, o Celta que brillou en Europa ou o Súper Dépor, ademais de dirixir a ollada cara a explosión do fútbol feminino.

Valor e mestría. Galicia como fútbol está comisariada por Xosé Antón Castro, profesor e crítico de arte, e Rubén Ventureira, xornalista e divulgador. Ambos acompañaron esta mañá ao conselleiro de Cultura, nunha presentación á que asistiu o presidente da Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán, institución colaboradora na exposición; a secretaria xeral de Deportes, Marta Míguez Telle; a directora-xerente de Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez Reboredo; e xogadores emblemáticos, como o celtista Jorge Otero, o deportivista José Ramón González ou ‘Vero’ Boquete, o nome máis coñecido do fútbol feminino en Galicia.

Porta de entrada en España

O conselleiro de Cultura avanzou que o proxecto pon en valor a historia dun deporte cun arraigamento extraordinario na sociedade galega. De feito, Galicia conta con preto de 100.000 xogadores federados en fútbol e fútbol sala, con 1.500 clubs e máis de 5.000 equipos. Román Rodríguez lembrou que, como os comisarios acreditan no discurso da exposición, non son poucos os historiadores que defenden o papel de Galicia como porta de entrada do fútbol en España, grazas ao desembarco nos portos galegos dos traballadores da compañía de telégrafos inglesa a finais do século XIX.

Ademais dos nomes de xogadores que están na memoria afectiva de milleiros de seareiras e seareiros, Román Rodríguez asegurou que a exposición servirá para descubrir historias menos coñecidas, pero igualmente abraiantes, como a da porteira Irene, muller galega que capitaneou un equipo de fútbol masculino a principios do século XX.

Pola súa banda, a secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez realizou unha alegación en prol do deporte e do fútbol feminino que día tras día vai acadando novos logros en campos “reservados historicamente aos homes”. Neste sentido sinalou que desde a Administración seguirase a impulsar o deporte feminino e reivindicou máis mulleres tanto no terreo de xogo como nos postos de decisión. Ademais tamén dixo que o deporte esta cada día “nos estadios de fútbol, nos polideportivos, nas piscinas ou nos espazos naturais”. Así, celebrou que Valor e mestría leve o deporte ao museo, lugar no que debe estar porque o deporte é “patrimonio, cultura e historia a través da que podemos visitar todo o que fomos e todo o que somos”.

Así mesmo, Rafael Louzán, presidente da Federación Galega de Fútbol, agradeceu o convite da consellería para participar nesta presentación e gabou a Xunta por pór en marcha esta iniciativa. “O fútbol galego ten unha gran historia detrás, tanto de clubs profesionais como de tantos e tantas que desde o anonimato veñen traballando desde hai xa máis de cen anos, facendo do fútbol un activo máis da sociedade galega”, asegurou.

Louzán sinalou que este proxecto supón “rememorar grandes momentos do fútbol galego e un recoñecemento xeral a todos aqueles que ao longo dos anos estiveron e están vencellados a este deporte”.

Valor e mestría. Galicia como fútbol enmárcase no obxectivo da Xunta de converter o Museo Centro Gaiás no espazo no que amosar as mellores expresións culturais de Galicia, aproveitando a súa forza arquitectónica para albergar proxectos de calado. Actualmente, este Museo exhibe Castelao maxistral, exposición que permite contemplar por vez primeira en Galicia o cadro de Castelao ‘A derradeira leición do mestre’, que ata agora non tiña nunca saído de Arxentina.