O Gaiás achega a Tui un percorrido en imaxes polo Camiño Portugués a través da ollada de 35 fotógrafos dos dous lados da Raia

Foto: Manuel G. Vicente
Santiago de Compostela, 01 de Decembro de 2022

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, inaugurou hoxe na sala de exposicións municipal do concello de Tui, no edificio Francisco Sánchez, O Camiño Portugués. Lembranzas de mar e pedra, unha mostra fotográfica que se asoma, a través de 71 instantáneas dos séculos XIX, XX e XXI, ás realidades, paisaxes e patrimonio da ruta xacobea que une as cidades do Porto e Santiago de Compostela.

O director xeral de Cultura destacou que “Tui e as terras do Baixo Miño teñen un protagonismo especial nesta exposición”, que recolle, entre outras, fotografías históricas tiradas no primeiro terzo do século XX por Pacheco, José R. Seco, José Moreira ou o fotógrafo alemán Otto Wunderlich, quen retratou como ninguén a vida, xentes e paisaxes da España dos anos 20. “A eles súmanse olladas antigas e contemporáneas da bisbarra e dos pobos lindeiros da fronteira portuguesa, como as que nos achegan José Gouveia Gomes Junior, Roberto de la Torre, Carmenchu Alemán, Antón Buciños, José Suárez ou Modesto Martínez”, remarcou o representante da Xunta de Galicia.

A mostra chega a Tui organizada polo Goberno galego, a Cidade da Cultura –onde puido visitarse orixinalmente– e o concello de Tui, e poderá visitarse na sala de exposicións municipal, no Edificio Francisco Sánchez, ata o vindeiro 29 de xaneiro. No acto de inauguración, o director xeral de Cultura da Xunta de Galicia estivo acompañado polo alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, a directora xerente da Cidade da Cultura de Galicia, Ana Isabel Vázquez, e a comisaria da mostra, Lucía Laín.

32.000 visitas en Santiago e Vigo

O representante da Xunta de Galicia destacou no acto de inauguración que a itinerancia a Tui de O Camiño Portugués. Lembranzas de mar e pedra se encadra “nos obxectivos do II Plan Estratéxico da Cidade da Cultura, a través do que o Goberno galego se propón levar a programación do Gaiás a centros culturais de toda a Comunidade, converténdose en rótula e axente dinamizador do noso sector cultural”. Neste sentido, lembrou Anxo M. Lorenzo, a mostra foi xa visitada por máis de 32.000 persoas durante a súa estancia no Museo Centro Gaiás e no Museo do Mar de Galicia, en Vigo, onde recalou a primeira das súas itinerancias.

Pola súa banda, a directora xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, quixo tamén poñer en valor o traballo da comisaria da mostra, Lucía Laín, “que fía un magnífico relato a través da ollada de grandes figuras da arte fotográfica das dúas beiras do Miño, e nun delicado equilibrio entre imaxes históricas e contemporáneas, e entre fotógrafos consagrados e emerxentes, de procedencias diversas, pero cun denominador común: ter transitado polos sendeiros desta ruta histórica de gran valor natural, cultural e paisaxístico”. A exposición poderá verse en Tui ata o 29 de xaneiro, de luns a sábado e con entrada de balde.

A comisaria: Lucía Laín

Historiadora, comisaria, guionista e documentalista, a súa paixón pola historia da fotografía remóntase aos anos nos que traballou como coordinadora de desenvolvemento e contidos en longametraxes documentais. Deses anos son as súas primeiras incursións nos fondos fílmicos, fotográficos e hemerográficos. Na actualidade é unha experimentada documentalista que comisariou máis de 12 exposicións.

 
Foto: Manuel G. Vicente
Foto: Manuel G. Vicente
Foto: Manuel G. Vicente
Foto: Manuel G. Vicente
Foto: Manuel G. Vicente
Foto: Manuel G. Vicente
Foto: Manuel G. Vicente