O futuro da creación galega en 'Audacia', festival que reunirá no Gaiás un milleiro de estudantes de ensinanzas artísticas

Foto de arquivo: Manuel G. Vicente
Santiago de Compostela, 16 de Outubro de 2019

Arredor dun milleiro de estudantes e docentes de 17 centros de ensino artístico teñen xa confirmada a súa asistencia a Audacia, o primeiro festival de artes e emprendemento de Galicia, organizado pola Xunta a través da Consellería de Cultura e Turismo e enmarcado na programación do Xacobeo 21.

As futuras xeracións de artistas e creadores da nosa comunidade atoparán en Audacia un foro de intercambio onde as profesións do eido creativo serán as grandes protagonistas e onde poderán coñecer e aprender da experiencia de grandes talentos da cultura como Oliver Laxe, Miguelanxo Prado, Janet Novás, Daniel Canogar, Carlos Sedes ou Uqui Permui, entre moitos outros.

O encontro terá lugar o 18 e 19 de outubro no Museo Centro Gaiás con entrada libre e de balde e está dirixido a todo tipo de público interesado nas artes, a creación e o emprendemento. Ademais, esta primeira cita espertou un grande interese en centros de ensinanzas artísticas das catro provincias galegas, que confirmaron xa a súa asistencia organizando visitas específicas para participar no festival.

Inspiración e casos de éxito

Audacia configúrase como un espazo de intercambio no que descubrir ideas e procesos de traballo que poñen en valor a ousadía e o risco. E tamén no que artistas e profesionais interesados no ámbito do emprendemento no eido cultural, da formación, da empresa ou da economía poidan establecer relacións que confirmen e consoliden a utilidade das artes como actividade económica.

Aínda que aberto a todo tipo de público, o festival quere darlle especial peso ao alumnado que cursa ensinanzas artísticas, ofrecéndolle ás xeracións mozas unha ampla descuberta de produtos, convocatorias e iniciativas relacionadas coa creación contemporánea e co emprendemento no eido creativo, ademais de inspiración e casos de éxito dos que tirar importantes aprendizaxes para o seu futuro profesional.

Así, ademais de poder asistir a diversas charlas e formacións express, o festival organiza tres encontros co alumnado –con inscrición previa– nos que, nun formato informal e distendido, os rapaces poderán conversar e preguntarlle as súas inquedanzas a tres grandes talentos: o director de O que arde, Oliver Laxe; a deseñadora e directora de arte Uqui Premui ou o artista español de vangarda Daniel Canogar, figura con gran proxección internacional que ten exposto obras no Raíña Sofía ou no Museo de Historia Natural de Nova York.

Showroom da empresa creativa

Audacia contará tamén cunha zona expositiva onde atopar desde stands de proxectos emprendedores do eido creativo e cultural, información sobre premios, concursos e axudas da Administración ao emprendemento creativo ou un showroom de empresas consolidadas que conseguiron conxugar a súa paixón creativa co éxito empresarial.

Os futuros profesionais creativos atoparanse así exemplos da categoría e o recoñecemento de Idoia Cuesta, cuxa innovación na cestería aplicada á moda espertou o interese de firmas como Loewe, coa que colaborou; Arturo Álvarez, consagrado artista que desenvolveu o seu proxecto nos campos da escultura, o deseño contemporáneo e a iluminación, ou os coruñeses UnDo ReDo, cunha longa traxectoria no estudo, recollida e rehabilitación de modelos clásicos de cadeiras e outras pezas de mobiliario, sempre con alma propia.

Actuacións musicais

Mais nesta feira non só se aprenderá con profesionais a través de charlas e encontros, senón tamén a través de espectáculos artísticos. Así, cada unha das xornadas pecharase con cadansúa actuación, que terán en común o éxito de asumir un risco creativo. O venres 18 de outubro clausurarase con The Primitals, unha comedia musical a capela, orixinal e arriscada, que recolleu eloxios da crítica e do público, enchendo a capacidade de todos os teatros e auditorios nos que se ten representado.

A mesma definición podería aplicarse ao espectáculo Mercedes mais eu, que permitirá ver xuntas na Cidade da Cultura de Galicia a Janet Novás –unha das bailarinas galegas de danza contemporánea máis internacionais– con Mercedes Peón, compositora e intérprete singular e que goza de recoñecemento no escenario musical dentro e fóra de Galicia. Cunha capacidade limitada a un cento de prazas, para asistir a este espectáculo cómpre recoller previamente o convite na entrada do Festival, catro horas antes do inicio da actuación.

O valor e utilidade das artes coa actividade económica

Un dos obxectivos da Xunta de Galicia con este gran festival das artes e do emprendemento é que a sociedade perciba e valore a utilidade social das artes, da diversidade de artistas e dos seus procesos creativos relacionados directamente coa xeración de actividade económica.

Pola súa banda, a Cidade da Cultura confirma con Audacia a súa aposta –iniciada coa posta en marcha do Centro de Emprendemento de Galicia– por continuar a ser contedor cultural e centro de emprendemento, ao seguir a difundir e desenvolver actividades que fomentan e difunden proxectos artísticos economicamente sustentables.

Estudantado de toda Galicia

Na primeira xornada do Festival –o venres 18 de outubro– confirmaron xa a súa participación centros de ensino das catro provincias galegas. Así, desde a provincia de Lugo, desprazaranse alumnos e docentes do IES Montecastelo de Burela, da Facultade de Humanidades e da EASD Ramón Falcón; mentres que desde Ourense asistirán estudantes do IES Universidade Laboral e da EASD Antonio Faílde.

Participará tamén alumnado da Facultade de Belas Artes de Pontevedra; así como do IES Audiovisual, o Conservatorio Superior, o Aula D, ou a Escola Tex Moda, todos eles de Vigo. Tamén se desprazará a Compostela para asistir a Audacia estudantado da EASD Pablo Picasso, da Escola de Imaxe e Son e do IES Adormideras –os tres da cidade da Coruña– e do IES Leliadoura de Ribeira. Por último alumnos do CIFP Compostela, do IES Arcebispo Xelmírez e do CPR O Raio Verde, da propia capital galega, teñen tamén confirmada a súa participación no Festival.

 
Foto de arquivo: Manuel G. Vicente
Foto de arquivo: Manuel G. Vicente
Daniel Canogar. Foto:Alberto Feijoo
Elas Tamén Pintan: 7H Coop