O espectáculo 'MIB: Músicos In Black' fusiona en 'Viraxes' música e teatro amador

Viraxes: Músicos In Black (Manuel G. Vicente)
Santiago de Compostela, 06 de Decembro de 2019

Teatro amador con banda sonora ao vivo foi a proposta escénica do espectáculo MIB: Músicos In Black, que esta tarde interpretaron no Museo Centro Gaiás a banda Unión de Guláns e o grupo de teatro Todos Xuntos, un proxecto no que implicaron a toda a veciñanza desta pequena aldea de Ponteareas. Foi o segundo dos espectáculos programados en Viraxes, o ciclo de concertos promovido pola Consellería de Cultura e Turismo no que as bandas populares lle dan unha volta aos seus repertorios máis tradicionais mesturando a súa música con xéneros como a clásica, o teatro ou o circo.

Este proxecto teatral en clave de humor artella un relato sobre a importancia da música na vida cotiá, a través dos hilarantes sucesos que acontecen tras unha aterraxe alieníxena nunha aldea galega. A historia destes inesperados visitantes que tentan roubarlles a música aos veciños e veciñas de Guláns conquistou as gargalladas do público que esta tarde de sábado se achegou ao Museo Centro Gaiás.

MIB: Músicos In Black foi –ao igual que os demais espectáculos que conforman Viraxes– seleccionado nos Premios Innova, unha convocatoria promovida en 2019 pola Federación Galega de Bandas de Música Populares (FGBMP) e a Xunta a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), co obxectivo de fomentar a experimentación no eido musical.

Trátase ademais dun excepcional exemplo da creatividade e esforzo realizado desde a cultura de base para materializar proxectos colectivos implicando á veciñanza e dinamizando o entorno social. Tamén do extraordinario papel e implicación das bandas de música na vida cultural das súas vilas, como é o caso da Unión de Guláns, unha das formacións máis antigas de Galicia, cunha historia que se remonta á década de 1870 e que ademais do seu traballo artístico desenvolve un labor docente a través da súa Escola de Música. Con guión de Rubén Porto e baixo a dirección de Alicia Porto Fernández, esta proposta escénica foi estreada o pasado 30 de novembro no concello de Ponteareas ante un auditorio ateigado.

Orquestra de malabares

O sábado 14 de decembro o circo protagonizará o último dos espectáculos de Viraxes co proxecto Orquestra de malabares, da Unión Musical de Meaño e a compañía galega de novo circo Pistacatro. O espectáculo está concibido para asistentes de todas as idades, aínda que se dirixe especialmente a un público infantil e familiar, que de seguro gozará desta danza aérea nun diálogo escénico entre seis malabaristas e unha banda de música. 

 
Viraxes: Músicos In Black (Manuel G. Vicente)
Viraxes: Músicos In Black (Manuel G. Vicente)
Viraxes: Músicos In Black (Manuel G. Vicente)