O Edificio Fontán culminará o complexo da Cidade da Cultura

Recreación do futuro Edificio Fontán
Santiago de Compostela, 27 de Xuño de 2018

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, subliñou hoxe que o novo Edificio Fontán suporá culminar a Cidade da Cultura con máis actividade, talento e vida, de xeito acorde cos seus obxectivos e máis eficiente cos recursos.

Durante a presentación da nova infraestrutura, Feijóo incidiu en que este proxecto permitirá avanzar na integración do Sistema Universitario de Galicia, garantindo unha docencia de calidade, unha investigación máis eficiente, máis útil e máis apegada ao progreso e unha estrutura universitaria áxil, integrada nunha sociedade que non deixa de evolucionar. “En definitiva, consolidará os piares da Universidade galega do futuro, baseada na cooperación leal, na suma de esforzos e na competitividade”, abundou.

Nesta liña, explicou que esta obra acollerá tres centros destinados a institucionalizar a vontade de colaboración dentro do Sistema Universitario de Galicia. Por unha banda, a Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia, cuxo obxectivo será garantir que a docencia, a investigación, a xestión e a transferencia do coñecemento se encamiñen cara á excelencia. En segundo lugar, o novo Consorcio Interuniversitario de Galicia, que será o centro neurálxico da xestión conxunta das tres universidades, centralizando os servizos bibliográficos, a organización das probas de acceso á educación superior, e o desenvolvemento de programas informáticos que melloren a organización. En terceiro lugar, o futuro Centro Europeo de Investigación en Paisaxes Culturais, que dotará Galicia do primeiro centro de investigación de España consagrado ao estudo da paisaxe, dos itinerarios culturais e do patrimonio cultural.

Sobre este último, o presidente da Xunta avanzou que funcionará como un observatorio permanente do Camiño de Santiago, achegando os argumentos necesarios, desde o punto de vista académico, para facer que o Xacobeo de 2021 sexa o mellor ano santo da Historia.

Estas tres entidades achegarán ao Edificio Fontán arredor de 140 traballadores, que a día de hoxe xa están desenvolvendo o seu labor no Sistema Universitario de Galicia: 19 corresponderán ao Consorcio Interuniversitario, 17 á Axencia para a Calidade e 100 investigadores formarán parte do Centro Europeo de Investigación en Paisaxes Culturais.

“O novo Edificio Fontán contribuirá a que Galicia se coñeza mellor a si mesma e a que dispoña dun sistema de investigación máis completo, máis flexible e máis intelixente”, aseverou, a modo de resumo.

Máis eficiente cos recursos

No tocante aos prazos marcados para completar o complexo do Gaiás, Feijóo explicou que a obra sairá a licitación na segunda metade de xullo, para comezar a construción este mesmo ano, co obxectivo de que a estrutura do edificio estea finalizada no ano 2020 e que poida comezar a funcionar no ano 2021, coincidindo co Xacobeo.

Edificio Fontán

Na súa intervención, Feijóo precisou que esta infraestrutura aproveitará as estruturas que inicialmente ían estar destinadas ao Teatro da Ópera. Unha decisión que permitirá que, cun investimento total de 17 millóns de euros, se constrúa un edificio que constaría 30 millóns en calquera outra localización, é dicir, 13 millóns máis económico.

Así mesmo, esta obra acometerase de xeito compartido: o 50% do investimento corresponderá a fondos do Plan de financiamento universitario “e outro 50% a recursos da Xunta”, dixo, trasladando a confianza en que o novo Goberno central manteña o compromiso de cofinanciar parte deste edificio de investigación. 

Un edificio sinxelo, integrado, sustentable, funcional e flexible

O titular do Goberno galego asegurou que esta infraestrutura permitirá contar cun edificio sinxelo e integrado, sustentable, funcional e flexible. Sinxelo e integrado porque casará á perfección co resto da Cidade da Cultura, atravesado por unha rúa principal, que permitirá cruzar desde a Biblioteca ata o CINC sen necesidade de rodear o Fontán e que poderá albergar mostras e exposicións.

No eido da sustentabilidade, cómpre subliñar que a obra compartirá os gastos enerxéticos co resto dos edificios e maximizará o uso de luz natural. Funcional porque contará co auditorio con máis prazas de toda a Cidade da Cultura, con capacidade para 750 persoas e divisible en tres salóns de actos; ademais de dispoñer, na azotea do último piso, dun xardín cuberto con fachadas abertas, que tamén poderá ser empregado como espazo museístico. E flexible porque está concibido para que os seus espazos poidan reorganizarse en función das necesidades que vaian xurdindo no futuro.

Recordo especial para José Luís Meilán Gil

O presidente da Xunta quixo tamén ter un recordo especial para José Luis Meilán Gil, reitor durante 13 anos da Universidade da Coruña. “O noso agradecemento e respecto polo seu labor como profesor e como persoeiro, cunha relevancia política no momento da Transición e clave dentro da elaboración da Constitución e do Estatuto de Autonomía de Galicia”, dixo, ao que engadiu que “comprometido cos asuntos públicos e cos intereses xerais, Meilán Gil forma parte xa da historia do século XX de Galicia”.

 
Recreación do futuro Edificio Fontán
Recreación do futuro Edificio Fontán
Presentación do Edificio Fontán (Foto: Xunta de Galicia)