O conselleiro de Cultura e o director adxunto da Frick Collection de Nova York manifestan a súa vontade de colaboración nun encontro no Gaiás

Fotos: Rocío Cibes
Santiago de Compostela, 10 de Maio de 2024

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, a directora xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, e o director adxunto e conservador xefe da Frick Collection de Nova York, Xavier F. Solomon, mantiveron un encontro na Cidade da Cultura no que manifestaron a súa vontade de colaborar en futuros proxectos. A reunión celebrouse coincidindo cunha visita á mostra Tesouros reais do representante da Frick, considerada unha das coleccións de arte con maior proxección dos Estados Unidos e un dos máis importantes museos e centros de investigación en Historia da Arte.

A Frick Collection é internacionalmente recoñecida pola súa colección de pintura, escultura e artes decorativas europeas, que abranguen desde o Renacemento ata o século XIX, entre as que podemos atopar obras de Rembrandt, Goya, Vermeer, Monet, Van Dyck, Frans Hals, Tiziano, ou El Greco entre outros moitos.

Solomon visitou na Cidade da Cultura a exposición Tesouros reais. Obras mestras do Terra Sancta Museum, que amosa no Museo Centro Gaiás un conxunto de doazóns das monarquías católicas europeas á Basílica do Santo Sepulcro, e outros santuarios cristiáns deste territorio, ao longo de medio milenio. É a primeira vez e única que estas pezas procedentes de Xerusalén se poden ver en España, como parte dun exclusivo circuíto internacional.

Este encontro encádrase na liña de traballo da Consellería para consolidar a Cidade da Cultura, tal e como establece o seu Plan Estratéxico, como o gran equipamento cultural de Galicia para acoller e participar en proxectos de dimensión internacional. Esta estratexia tense concretado este mesmo ano en exposicións como a propia Tesouros reais e Unha vida viquinga, que en xullo traerá ao Gaiás obras de Museos Nacionais de Suecia, Dinamarca e Francia.

Desde a súa apertura en 2012, o Museo Centro Gaiás ten acreditado a súa capacidade tanto para exhibir mostras de referencia, como para levar fóra das nosas fronteiras producións culturais galegas, ou establecer alianzas con algunhas das máis prestixiosas institucións culturais do mundo, colaborando en diferentes exposicións co MoMA, o British Museum, o Musée d’Orsay, o Rijksmuseum, o Victoria and Albert’s, ou a Galería Uffizi, entre outras.

 
Fotos: Rocío Cibes
Fotos: Rocío Cibes
Fotos: Rocío Cibes