O ciclo Atardecer no Gaiás, impulsado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, promociona esta semana os novos talentos musicais cos concertos da banda galega Alana, gañadores na categoría de Música no último certame Xuventude CREA, e os madrileños Carrera Blanca, grupo revelación nacional no Festival Contempopranea 2023.
O escenario da Praza central da Cidade da Cultura prepárase para recibir o xoves 15 de agosto ao trío formado por Antía Vázquez, Eloy Vidal e Pablo Castro, orixinarios da Costa da Morte. Alana está de xira presentando o seu primeiro disco, O xeito á cántigha, froito dun traballo de pescuda e recompilación de cancións tradicionais galegas que renovan con arranxos e instrumentación próximos á electrónica e ao pop.
O venres 16 de agosto Carrera Blanca traerá os populares himnos para toda a xeración millennial —como Adulto funcional ou Mis amigas— que vén popularizando cun estilo descarado que definen como cuquipunki. O concerto no Gaiás será o primeiro en terras galegas do grupo madrileño, e nel aproveitarán para adiantar en directo algúns dos novos temas que están a preparar.
Ambas actuacións serán ás 21,00 horas na Praza central da Cidade da Cultura, con entrada libre e de balde.
Cita musical imprescindible no verán
Case 3.500 persoas asistiron xa ás actuacións desta décimo cuarta edición de Atardecer no Gaiás, que pecharán os artistas Bewis de la Rosa, ALARIDO, Santi Araújo e Rocío Saiz. Consolidado como cita imprescindible no verán galego para os amantes da música ao vivo, o ciclo conta co apoio de Cervezas Alhambra e forma parte das actividades programadas pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude dentro da campaña CulturON.


