Atardecer no Gaiás 2024

Este 2024 o ciclo Atardecer no Gaiás trae 16 concertos gratuítos, os xoves e venres entre o 4 de xullo e o 30 de agosto, para gozar dos mellores solpores do verán en Compostela. Música urbana, rap rural, neo-tradi, pop indie ou electrónico, ritmos tropicais... de seguro atopas nesta edición máis dunha banda que esperte o teu interese e as túas ganas de bailar.

Coma é habitual, no cartel de Atardecer no Gaiás conviven veteranía (A Pedreira, Santi Araújo, Branko) e xuventude (Alana, De Ninghures), nomes populares que acumulan millóns de escoitas en plataformas (Lucho RK, Rocío Saiz, Cosmic Wacho) con bandas que están a despuntar no panorama musical (Bewis de la Rosa, Carrera Blanca, Faneka, Mandale Mecha, Naked Family). E tamén unha destacada presenza de grupos galegos, con sete actuacións —De Ninghures, Flow do toxo, A Pedreira, Amoebo, Alana, ALARIDO e Santi Araújo— que dan mostra da variedade do talento musical do país.

Todos os concertos serán ao aire libre ás 21 horas na Praza central do Gaiás, a non ser que a previsión metereolóxica obrigue a buscar unha alternativa ao acubillo na Cidade da Cultura.

Cervezas Alhambra colabora nesta edición de Atardecer no Gaiás en liña co seu compromiso de apoiar todas aquelas experiencias únicas que invitan a gozar sen présa e dedicando a cada cousa o tempo que merece.

ATARDECER NO GAIÁS -  XULLO 2024

Lucho RK XOV 4 XULLO | LUCHO RK

Apenas un par de anos leva Lucho RK na escena da música urbana e xa ten detrás unha lexión de seguidores que agardan con ansia cada novo single do canario. O último que subiu ao Youtube, Tumbao, acumulou máis de 135k de visualizacións en dous meses. Polo camiño veu sumando tamén colaboracións con artistas consagrados como Juancho Marqués, Wos LasPalmas e outros emerxentes como Ptazeta (Do You Love Me?). O concerto en Atardecer no Gaiás será o segundo de Lucho RK en terras galegas.

De Ninghures VEN 5 XULLO | DE NINGHURES

De Ninghures forman un bodegón que bebe de músicas diversas. Enraizados na tradición galega, a súa é unha mirada global que busca inspiración no rock saharaui, as músicas do Magreb e ata as melodías cubanas. Eclecticismo que fai soar tanto a pandeireta coma o ukelele, poñendo en valor o propio, o amor pola música e a experimentación. Aquí foi o álbum co que se deron a coñecer en 2022, e Morena o tema que lles valeu o premio aRi[t]mar á mellor canción galega do 2023.

Flow do toxo XOV 11 XULLO | FLOW DO TOXO

Flow do Toxo entenden o rap como forma de loita directa e sen complexos. Nacen no Condado Paradanta coa necesidade de ocupar escenarios, torreiros e primeiras filas, creando música con perspectiva transfeminista que fusiona instrumentos tradicionais galegos e electrónica para pasalo en grande nun espazo seguro. Logo de pisar escenarios de festivais como Revenidas ou Millo Verde, chegan ao Gaiás cunha reivindicación clara xa desde o título do seu primeiro traballo: Aquí están as que ghritan.

Naked Family VEN 12 XULLO | NAKED FAMILY

O combo madrileño vén presentar o seu segundo álbum La Vuelta, unha ponte entre o pop-rock de antonte e o de pasado mañá. Naked Family son psicodelia melódica que viaxa desde o indie actual ata o britpop dos 90 sen deixar atrás a herdanza lisérxica de Iron Buttlerfly, Pink Floyd ou os Beach Boys. En directo, esta peculiar familia é quen de tocar calquera cousa que lles caia nas mans: sitar, sintetizadores, saxos, arpas e campás tubulares para hipnotizarnos.

A Pedreira XOV 18 XULLO | A PEDREIRA

A Pedreira é o proxecto en solitario de Ugia Pedreira, unha cantora das de verdade. Folk, ska, electrónica, latino, tradi... innumerables e heterodoxas son as súas creacións e colaboracións con artistas como Guadi Galego, Dulce Pontes, Narf, Jorge Drexler ou Banda Bassotti, por citar unhas poucas. En Atardecer no Gaiás escoitaremos acabado de saír do forno o seu disco Basal, unha viaxe polas diferentes Pedreiras, desde a nai ata a nena que subiu por vez primeira a un escenario con 14 anos.

Mandale Mecha VEN 19 XULLO | MANDALE MECHA

Michu Méndez (AR), Chico Abreu e Gustavo Koshikumo (BR) forman Mandale Mecha, un tifón da tropical new wave que chega do Brasil para conquistar o planeta. Polifónicos e multiculturais, beben da electrónica, o jazz, o pop latino e incluso o rock. O seu poderoso himno feminista El Sol leva máis de medio millón de reproducións en Spotify e con Papi meteron ritmo á banda sonora das series españolas de Netflix Valeria e Las últimas de la fila.

 

ATARDECER NO GAIÁS -  AGOSTO 2024

Branko XOV 1 AGOSTO | BRANKO

DJ, produtor, axitador cultural, o portugués Branko leva máis de 10 anos na industria, primeiro en Buraka Som Sistema, logo co seu selo Enchufada e producindo temas para artistas como Princess Nokia, MIA, Mayra Andrade ou Dino d'Santiago. Soma, o seu cuarto disco en solitario, gravouse nunha jam de tres días na que retou a algúns dos mellores artistas de Lisboa a improvisar sobre un marco rítmico que usou de base para construír un álbum de ritmos complexos pero tremendamente bailables.

Amoebo VEN 2 AGOSTO | AMOEBO

Amoebo é unha proposta de música urbana que roe nos ritmos latinos e o idol pop dos 80 para deconstruír a verbena galega. Un cóctel interxeracional e inclusivo que escoitan as amigues e bailan as avoas. Festa, baile e letras que reflicten temáticas que tocan no costumbrismo, o amor, o sexo e o día a día da xuventude galega. Co seu primeiro álbum, Cada vez mellor, e un directo explosivo, prometen que non quede ninguén sen bailar no Gaiás. 

Faneka XOV 8 AGOSTO | FANEKA

Faneka fórmase en Cataluña e busca a simbiose perfecta entre o folclore latinoamericano e o rock progresivo, xerando un son cru e máxico a un tempo. Cancións con certo toque onírico e paisaxes sonoras complexas que pintan coas cores da voz, a percusión e a corda. Cantan sen complexos nin barreiras en inglés, catalán, galego (Lalalá) e castelán, aproveitando a diversidade das súas orixes, a inspiración celta, os aires do mediterráneo, os ritmos latinos e ata a melancolía do country americano.

Cosmic Wacho VEN 9 AGOSTO | COSMIC WACHO

Usando a cumbia, filla predilecta do ritmo latinoamericano, como nave nodriza, Cosmic Wacho (dúo formado polo malagueño Aless e o arxentino Franco Felice) recrea un universo musical onde os Meridian Brothers toman tequila con C. Tangana. Un baño de burbullas en pleno mar tropical que aposta por tender pontes entre os sons latinos e a vangarda urbana. Con dous discos e hits como Botecito, Caramelo o No soy malo prometen unha experiencia de baile efervescente e relaxante á vez.

Alana XOV 15 AGOSTO | ALANA [XUVENTUDE CREA]

Alana é un trío formado por Antía Vázquez, Eloy Vidal e Pablo Castro, gañadores do Premio Xuventude Crea 2023 na categoría de música. A súa proposta parte da recollida de cancións tradicionais que acompaña de ritmos de base electrónica e pop. En directo, o seu estilo vén marcado pola presenza das percusións tradicionais e melodías que convidan ao baile. Presentarán en Atardecer no Gaiás o seu primeiro disco, O xeito á cántigha

Carrera Blanca VEN 16 AGOSTO | CARRERA BLANCA

Cancións apegadizas e 'cuquipunkis' que falan de cousas que afectan a todos os mortais (e especialmente aos millenials), como non querer atoparte ao teu ex, a preguiza que dá ser un adulto funcional ou a importancia das amigas para sobrevivir ao machismo. Carrera Blanca son un grupo de Madrid formado por Diana (voz; tamén coñecida como Precariada no mundo da ilustración), Ángel (baixo), Albert (guitarra) e Fer (batería). Canciones de misa é o seu EP de debut.

Bewis de la Rosa XOV 22 AGOSTO | BEWIS DE LA ROSA

Bewis de la Rosa fai do 'rap-rural' unha proposta artística poliédrica que convida á transformación. Concertos performativos, un fanzine con textos críticos ao amor romántico, un non-vinilo-tomateira e cancións que mesturan hip-hop, latin e folclore para falarnos de decrecemento, feminismos, da ferida histórica e de saúde mental no seu primeiro álbum Amor más que nunca. Un universo escénico con referencias á tradición manchega das súas orixes que entrelaza música, danza e performance.

ALARIDO VEN 23 AGOSTO | ALARIDO

ALARIDO é pop, punk, electro, house e sobre todo hahas. O dúo formado por Andrés Agulla Mosteyrín e Joel Blanco naceu como Alarido Mongólico nunha actuación fóra de cartel no Festival do Norte 2009. Desde entón seguiron a lanzar singles e vídeos (e unha casete) ata chegar ao seu éxito viral nos Países Baixos, Bitterballen Donder OP. Nos últimos anos, ALARIDO continúa a súa intrusión na cultura neerlandesa co EP Costa Brabant (2023) e sacando temas tan románticos como «Bésame en la boca».

Santi Araújo XOV 29 AGOSTO | SANTI ARAÚJO

Santi Araújo volve ao Gaiás para presentarnos o seu segundo disco, Canciones para bailar. Un álbum que se afasta do seu anterior traballo cun indie pop alegre e desenfadado no que xorden ritmos de bossanova, folk e ata psicodelia. O seu característico fraseo mantense en 14 temas nos que toca a maioría dos instrumentos pero tamén se lanza a utilizar o sampler para permitirnos gozar do saxo de Emilio José e a batería de Jaime Mateo (Os Amigos dos Músicos, falecido recentemente). 

Rocío Saiz VEN 30 AGOSTO | ROCÍO SAIZ

O peche de Atardecer no Gaiás devolve o protagonismo á madrileña Rocío Saiz para rachar a maldición que nos privou de gozar das melodías da madrileña en 2022 e 2023. Regresa con Autoboicot y descanso xa lanzado ao completo e facendo abrollar todas as emocións, feridas e promesas de sanación que contén. Electropop que bebe dos 80 pero non se queda na nostalxia e propón un road trip cargado de referencias, con inspiración declarada en Robyn, Meat Loaf, Belinda Carlisle e Ludovico Einaudi.