Nadal no Gaiás de conto cunha árbore xigante e personaxes feitos con globos

Santiago de Compostela, 29 de Novembro de 2019

A Xunta de Galicia convida as familias a gozar do 13 de decembro ao 6 de xaneiro de Nadal no Gaiás cunha programación que transformará a Cidade da Cultura nunha urbe de conto, ateigada de cor, figuras de globos, obradoiros para a cativada, un espectáculo circense-musical e unha gran gala de magos, chegados de todos os recunchos do planeta, xa que a maxia será a protagonista das actividades artelladas para estas festas.

A programación de Nadal no Gaiás foi presentada hoxe en Pontevedra na Feira das Industrias Culturais (Culturgal), onde se se celebrou un obradoiro para a cativada, similar aos que se desenvolverán de balde na Cidade da Cultura. O obxecto é que nestes talleres os pequenos e pequenas elaboren por eles mesmos —guiados e axudados por monitores— os adornos que colgarán na árbore xigante que presidirá o Hall de Tirantes do Museo Centro Gaiás, e que foi todo un éxito entre a rapazada e familias o pasado ano.

Pequena grande urbe de conto e espectáculo circense

Precisamente, ao redor desta árbore xigante emerxerá unha pequena grande urbe, ateigada de casiñas de cores, luces, renos, bastóns de caramelo, trasnos, farois e varios personaxes carismáticos para recrear de cara a todos os visitantes un mundo de conto, no que non faltarán figuras propias destas festas elaboradas a partir de globos.

A temática da maxia verase reforzada polo espectáculo de música e circo Orquestra de malabares, que se celebrará o sábado 14. Os malabaristas da compañía Pistacatro teñen argallado un abraiante número de danza aérea nun fermoso diálogo escénico coa banda Unión Musical de Meaño. A entrada é de balde, previa retirada de convite, que xa se pode facer no mesmo Museo Centro Gaiás.

Esta actuación forma parte do ciclo Viraxes, que desde o pasado 21 de setembro amosa proxectos de bandas populares de música se atreven con outras disciplinas artísticas e que, por tal aportación, foron seleccionados nos Premios Innova da Agadic.

Gran gala de maxia: ‘Galicia Magic Fest’

Como alfinete de ouro a unha programación coa maxia como protagonista, o sábado 28 celebrarase a Galicia Magic Fest, unha gran gala organizada polo mago galego Pedro Volta. Este espectáculo xunta nun mesmo escenario a un total de sete ilusionistas chegados de todos os recunchos do mundo, que atesouran diferentes recoñecementos internacionais nesta disciplina, e entre os que se atopa un gran premio mundial como é Norbert Ferré.

Como todos os anos, no Nadal no Gaiás non falta o tradicional concurso de postais, que se abre á participación da cativada, ata os 9 anos de idade. Ata o 22 de decembro pódense enviar por correo postal ou electrónico (online@cidadedacultura.org) as creacións coas que os pequenos e pequenas da casa imaxinan o seu máxico Nadal no Gaiás. Para orientalos, na páxina web da Cidade da Cultura (cidadedacultura.gal) pódese descargar un bosquexo dunha árbore de Nadal coa que poden guiarse, pero con liberdade plena para crear e imaxinar ao seu antollo.

Todas as postais recibidas serán exhibidas na gran gala de maxia Galicia Magic Fest e as mellores terán un agasallo como recompensa ao esforzo, á creatividade e ao enxeño posto. Estes regalos daránselles aos pequenos e pequenas o mesmo día, 28 de decembro, antes de que comece o espectáculo de Pedro Volta.