Miúda Clásica!, gozar en familia da música clásica coa Orquestra de Cámara Galega

Santiago de Compostela, 20 de Setembro de 2017

A Cidade da Cultura de Galicia convida a gozar en familia da música clásica coa Orquestra de Cámara Galega, que o vindeiro sábado 7 de outubro ofrecerá no Museo Centro Gaiás o concerto Miúda clásica, unha proposta pensada como unha oportunidade para achegarse a grandes compositores nunha velada para todos os públicos.

Dirixida por Rogelio Groba, a Orquestra de Cámara Galega presentará un programa titulado Quatro momentos, repertorio co que amosará a capacidade de sedución da clásica, acabando cos prexuízos que poden levar a crer que un concerto así non é un plan divertido para todos os membros da familia.

O concerto comezará ás 18,30 horas e a entrada será de balde previa recollida de invitacións no Museo Centro Gaiás a partir desta mesma tarde. Poderán retirarse un máximo de catro por persoa. A idade aconsellada para gozar deste espectáculo é a partir dos cinco anos.

Fundada no 1999 por Rogelio Groba, e integrada por músicos formados en diversos conservatorios europeos, a Orquestra de Cámara Galega ten desenvolvido unha intensa actividade, actuando nalgunhas das principais salas de concertos de España, como o Auditorio Reina Sofía de Madrid, o Palau da Música de Barcelona, a Sala Mózart do Auditorio de Zaragoza, entre outros moitos.

A Orquestra de Cámara Galega actuou tamén en diferentes edicións do ciclo Atardecer no Gaiás, onde demostrou non só a súa calidade, senón tamén a súa capacidade didáctica para achegar a clásica a todos públicos.