Inauguración de «As miradas de Isaac» como unha débeda impagable coa visión innovadora da cultura, co talento creativo e co emprendemento tenaz de Díaz Pardo

Santiago de Compostela, 06 de Novembro de 2020

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, aseverou hoxe que a Galicia actual ten unha débeda impagable coa visión innovadora da nosa cultura, co talento creativo e co emprendemento tenaz de Díaz Pardo.

“Isaac Díaz Pardo conforma un legado do que todos somos herdeiros; a súa obra é un lugar onde atoparnos”, dixo, subliñando que o pintor, deseñador, ceramista, escritor, empresario e editor, forma parte do pórtico de persoeiros que, a través de diferentes disciplinas, traballaron para construír o que hoxe somos.

Nesta liña, e durante a inauguración da exposición As miradas de Isaac, que poderá visitarse desde hoxe, e ata o 4 de abril do vindeiro ano, na Cidade da Cultura, con motivo do centenario do seu nacemento, Feijóo resaltou que esta mostra, a primeira gran exposición que se fai desde o falecemendo de Díaz Pardo, trata de albergar todas as perspectivas dunha obra poliédrica que alcanza moitas miradas, pero un só compromiso ético e estético: Galicia.

Así mesmo, o responsable do Goberno galego recordou que Díaz Pardo foi tamén unha ponte entre a cultura galega de ambos lados do Atlántico, “dunha galeguidade fortemente enraizada, pero que non entende de fronteiras”.

“Comprendeu tamén que unha Galicia mellor tiña que construírse sobre os piares de novas institucións, como o Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside. E destacou tamén pola creación artística, non exenta de compromiso que podemos ver en obras desta exposición como Os afogados, que constitúe unha alegoría dos fusilados na Guerra Civil; ou O Discurso, unha clara referencia de defensa e alegato do sistema democrático”, engadiu.

Ao longo da visita, Feijóo recordou o esforzo, a través de Sargadelos e do Laboratorio de Formas, por recuperar elementos sobranceiros da nosa cultura e convertelos en obxectos do día a día que habitan en fogares de dentro e fóra de Galicia. “Estamos a falar dunha idea innovadora que achegou moitos dos nosos símbolos a calquera persoa, converténdoos dalgunha maneira en iconas pop”.

O presidente da Xunta concluíu a súa intervención agradecendo o traballo e compromiso de todas as persoas e institucións que achegaron as 265 pezas da mostra: desde a propia familia Díaz Arias de Castro, a colección de Abanca ou o Museo Carlos Maside, entre outras moitas, así como dos comisarios Xosé y Camilo Díaz Arias de Castro, fillos de Díaz Pardo.

 
D