'Gaiás en xogo' pon en valor a dimensión artística do xogo cunha xornada no Museo ateigada de actividades creativas

Santiago de Compostela, 13 de Marzo de 2026

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, visitou hoxe a primeira edición de Gaiás en xogo, unha recente incorporación á programación da Cidade da Cultura que se propón estimular a creatividade na infancia a través da dimensión artística do xogo. Ao longo de toda a xornada de hoxe, o Museo Centro Gaiás acolle así un amplo abano de actividades que inclúen desde obradoiros de experimentación artística a instalacións sensoriais e arquitecturas inchables.

Acompañado da directora xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, e da directora de Acción Cultural, Verónica Santos, Anxo M. Lorenzo salientou que Gaiás en xogo exemplifica a vontade da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude por ofrecer á infancia “actividades ricas e estimulantes”, cunha programación que, máis alá da súa vertente lúdica, aposte por “fomentar o gusto pola arte desde a infancia”, entrelazando diversión e cultura e estimulando a curiosidade dos miúdos e miúdas.

O representante da Xunta de Galicia lembrou ademais que o xogo é “unha das primeiras linguaxes da infancia”, destacando que, a través del, as nenas e nenos experimentan, descobren posibilidades e constrúen coñecemento de maneira natural. “Xogar tamén é aprender, e facelo en comunidade amplifica esa aprendizaxe, favorecendo a autonomía, a creatividade e a capacidade de convivir e cooperar”, salientou o director xeral.

Programación que une xogo, arte e medioambiente

Gaiás en xogo nace con vontade de consolidarse como unha cita imprescindible da oferta familiar da Cidade da Cultura. A programación de hoxe inclúe seis propostas diferentes pensadas para rapazada de 0 a 12 anos, das que se pode gozar en horario de 11,00 a 14,00 e de 16,00 a 21,00 horas, no Museo Centro Gaiás. Algunhas actividades precisan de inscrición previa a través da páxina web da Cidade da Cultura, pero todas elas teñen acceso gratuíto.

En concreto, nesta primeira edición inclúe propostas de compañías e artistas de Bélxica, Cataluña, Madrid ou Galicia, entre as que se atopan opcións para a primeira infancia como a instalación sensorial para bebés A gorida dos sentidos —recoñecida cos premios FETÉN 2024 da Feira Europea de Artes Escénicas para Nenos e Nenas de Xixón—, ou como o espazo de xogo Playscape deluxe, desañado pola artista da artista belga Cathy Bertel para a diversión da cativada menor de seis anos.

A vertente artística e medioambiental está moi presente na programación, con obradoiros creativos nos que nenos e nenas transforman colectivamente o espazo do Museo a partir de materiais reutilizados. Desde caixas de cartón ao plástico reciclado da instalación do pasado Nadal no Gaiás, que terá unha segunda vida ofrecendo novas horas de xogo ás miúdas e miúdos que, convertidos en arquitectos por un día, crean enxeñosos túneles erguidos só con aire.

Inclúese tamén un grande espazo de xogo libre onde conviven desde mantas e cubos sensoriais, a pezas de construción e opcións para pór a proba a habilidade e a coordinación: como malabares, zancos, aros, un jenga xigante ou xogos tradicionais tanto galegos como doutros recantos do mundo.