Festival Atlántica Miúda no Gaiás polo Día da Narración Oral

Santiago de Compostela, 05 de Marzo de 2020

A Xunta de Galicia colabora co Festival Atlántica cunha sesión de contacontos na Cidade da Cultura o 20 de marzo, co gallo do Día Internacional da Narración Oral.

O Auditorio Xosé Neira Vilas acollerá a cativada, procedente de centros escolares galegos, que se achegará ao complexo do Gaiás para escoitar a emotiva historia do Avó, da voz de Ramiro Neira, narrador oral cunha ampla traxectoria e que será o encargado desta sesión miúda do Festival Atlántica, que se celebra do 11 ao 20 de marzo.

Nos últimos anos o certame —que botou a andar en 2013 en Santiago de Compostela— caracterízase pola súa deslocalización da capital de Galicia, ampliando as sesións de contacontos ata por oito concellos máis: Ferrol, Lalín, Teo, Pazos de Borbén, Brión, A Coruña, Ourense e Vigo.

Durante 10 días o Festival Atlántica organizará nestas cidades 50 sesións a cargo de 30 contadores de historias chegados do Brasil, Uruguai ou Colombia, e tamén de cidades como Salamanca ou Zamora, ademais dunha ampla mostra de talento galego, entre os que se atopa Ramiro Neira, Quico Cadaval, Celso Fernández Sanmartín, José Luís Gutiérrez Guti —estes tres últimos levaron a cabo un espectáculo de narración oral na Cidade da Cultura na edición deste ano de Escenas do cambio— Charo Pita, Raquel Queizás ou Soledad Felloza.

Ramiro Neira

Diplomado en Maxisterio, na especialidade de Audición e Linguaxe, conta con experiencia en Galicia como actor, director, docente, produtor e distribuidor teatral. Como actor traballou e traballa con diferentes compañías: Artestudio Teatro, Sardiña, Tea, Estragón, Grupo Institucional da Universidade da Coruña, Teatro da Bufarda, Espello Cóncavo, Teatro da Lúa, Casa Hamlet, Patatín e Patatán, entre outras.

Como docente e director coordinou grupos en Sardiña, Gangarilla, Instituto María Casares, Centro Fonseca, Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, Concello de Ordes, Fogar do Maior do Barrio das Flores, Artestudio e Forum Metropolitano.

Na súa faciana de produtor e distribuidor traballou con Teatro da Bufarda, Hac Luce Universidade da Coruña, Teatro da Lúa, UVG Teatro, Galileo Teatro, Ballet Studio, Paparota Teatro. Actualmente compaxina o seu labor como docente, actor e director coa coordinación de diferentes proxectos do Concello da Coruña e do Forum Metropolitano, como son o programa Horas Punta, Mostra de Teatro Escolar e os Encontros de Teatro Independente da Coruña.