Fantasía de Nadal convida as familias a mergullarse na maxia dos circos de inverno

Santiago de Compostela, 21 de Decembro de 2017

A Cidade da Cultura de Galicia convida as familias á descuberta da maxia dos circos coa exposición Fantasía de Nadal, composta por preto de 40 pezas e case 50 personaxes, realizados de xeito artesanal, e que forman parte das escenografías máis impactantes coas que a compañía galega ‘La Fiesta Escénica’ ten percorrido con enorme éxito todo o mundo, desde Roma ata Las Vegas.

Coa inauguración hoxe de Fantasía de Nadal arranca na Cidade da Cultura a programación de ‘Nadal no Gaiás’, que se estenderá ata o 7 de xaneiro e que inclúe ‘O campamento do Circo’ —obradoiros infantís de mañá para axudar a conciliar nestas datas non lectivas—  e dous espectáculos: ‘Ludo Circus Show’ e ‘Gran Gala de Circo de Nadal’. Todos eles, tal e como os seus nomes apuntan, xiran tamén ao redor da mundo do circo.

A directora-xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez Reboredo, destacou na inauguración a “completa oferta cultural” para estas datas que supón Nadal no Gaiás, á vez que puxo en valor que “irmanda entretemento e cultura para os máis cativos da casa e tamén aposta por actividades que permiten conciliar ás familias no período non lectivo”.

Escenografías de Nadal, dos contos e do circo................................................................. A exposición ‘Fantasía de Nadal’ divídese en tres eixes temáticos: pezas de grandes espectáculos creados para o Nadal; elementos circenses que amosan aspectos vencellados con todas as disciplinas desde os malabares ao clown; e escenografías e personaxes de contos clásicos.

Na sección temática de ‘Escena de Nadal’ amósanse pezas que proveñen de grandes espectáculos creados para estas datas como son Cabalgatas de Reis ou os Circos de Nadal, entre outros. Así, neste percorrido as familias poderán atoparse cun ‘Toy maker’ —o mítico personaxe encargado de construír os xoguetes que cada ano reciben nenos e nenas— dunha altura de 2,15 metros e cun traxe confeccionado artesanalmente por catro persoas ou con sete pingüíns de Nadal, que cando se empregan en espectáculo circenses requiren unha gran destreza por parte dos actores que se internan neles para dominar os máis de 40 centímetros que miden os seus palmípedes pés.

Nestas recreacións, o circo é outro dos eixes protagonistas coa presenza, entre outras pezas,  de dous cabalos monumentais de máis de seis metros de altura que levan encima esculturas de pallasos: ou a recreación da escenografía do espectáculo de gran formato

‘Circus in Sepia’, que nace para renderlles homenaxe aos anos dourados do circo, no que se recrean personaxes e vestiarios de finais de 1800 e principios de 1900, que nada teñen que ver coa indumentaria actual de pantalóns axustados e tecidos elásticos.

Os contos clásicos pechan o percorrido temático de ‘Fantasía de Nadal’ no que os visitantes poden atopar personaxes de historias que forman parte do imaxinario colectivo de grandes e pequenos como é o caso de ‘Cincenta’. Este relato de Charles Perrault foi convertido en espectáculo circense por ‘La Fiesta Escénica’ cun enorme éxito. Estreado en Roma e representado por toda Italia, parte das pezas e escenografías poderán verse nesta exposición.

La Fiesta Escénica, Premio Circo Roncalli .............................................................. Fundada en Arxentina en 1995 por Abel Martín, o seu actual director, trasládase a Galicia no 2001, onde grazas á enorme acollida que reciben polo seu traballo deciden quedar, instalándose desde entón en Baiona, onde levan máis de 15 anos.

O equipo de ‘La Fiesta Escénica’ está formado por membros de varias nacionalidades. Ao grupo fundador, chegado da Arxentina, uníronse os mellores artistas locais e internacionais que foron dándolle forma a producións circenses que levaron por todo o mundo, desde Roma a Las Vegas, converténdose nun referente mundial do circo actual, ata o punto de gañar o prestixioso Premio Circo Roncalli, un dos máximos recoñecementos no eido das producións deste tipo de espectáculos.

Programación de Nadal no Gaiás.......................................................................................... Aproveitando a maxia do circo que proporciona a exposición e que se trata, ademais, dun período de vacacións escolares, ‘Nadal no Gaiás’ ten programada dúas quendas semanais de campamentos infantís con esta temática con aulas de trapecio, malabares, equilibrio e clown para que nestes datas no lectivas os cativos teñan unha oferta cultural na que divertirse e as familias unha proposta á que optar para conciliar.

‘O campamento do circo’ non só se centrarán nestas disciplinas senón que lles permitirá aos cativos achegarse ás escenografías do circo e aos espazos máis descoñecidos da mesma Cidade da Cultura, tanto arquitectónicos como zonas verdes e naturais, da man do departamento de didáctica do Museo Centro Gaiás.

Gran gala do circo solidaria................................................................................................Ademais dos campamentos, ‘Nadal no Gaiás’ contará con espectáculos que incidirán no universo circense: ‘Ludo Circus Show’, o día 22 de decembro, e a ‘Gran Gala do Circo de Nadal’, que se celebrará o 4 de xaneiro de 2018.

Este gran peche de festa ten carácter solidario, coa colaboración da Asociación de Iniciativa Social Berce. Será nesta gala onde se lle dean os premios aos gañadores do ‘Concurso de Postais de Nadal’, xa un clásico na programación da Cidade da Cultura para estas datas.

A entrada á exposición ‘Fantasía de Nadal’ é de balde e as entradas para os campamentos e os espectáculos están á venda, tanto no Museo Centro Gaiás como a través da páxina web de Ataquilla.com. O programa de ‘Nadal no Gaiás’ pode consultarse en cidadedacultura.gal, ao igual que as bases do Concurso de Postais de Nadal.