A exposición ‘Santiago de Compostela no tempo’ convida a descubrir a identidade e herdanza cultural da capital galega grazas á Xunta e á Afundación

Santiago de Compostela, 03 de Xuño de 2022

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, e o director xerente de Afundación, a Obra Social ABANCA, Pedro Otero, inauguraron esta mañá Santiago de Compostela no tempo, exposición que nos convida a descubrir a identidade e herdanza cultural da capital galega a través dunha escolma de 100 pezas que narran un apaixonante e poliédrico relato sobre a orixe, historia e evolución desta cidade, así como do seu universo de costumes, relacións e vivencias.

Comisariada por Manuel Gago e instalada na sede de Afundación en Santiago, Santiago de Compostela no tempo é a primeira das sete mostras que constitúen o proxecto Cidades no tempo, unha das principais iniciativas culturais do Xacobeo 21-22 é tamén un dos proxectos expositivos máis complexos desenvolvidos en Galicia nos últimos anos. Baixo este nome reúnense sete exposicións, unha por cada unha das principais cidades galegas. Todas reivindican a Galicia urbana, oculta con frecuencia tras o tópico que presenta a comunidade como un territorio exclusivamente rural.

Santiago de Compostela no tempo, que poderá visitarse ata o 10 de setembro de xeito gratuíto na sede de Afundación na capital galega, está organizada pola Xunta de Galicia, a través da Fundación Cidade da Cultura, e Afundación, Obra Social ABANCA. Xunto ao comisario, o proxecto contou coa coordinación de Xosé Ramón Lema Bendaña, historiador e antigo xefe do Negociado de Mantemento de Fondos Bibliográficos na Universidade de Santiago.

A mostra achega obras de arte únicas, incluíndo pezas procedentes do estranxeiro, obxectos históricos icónicos, vídeos, fotografías, gravacións ou documentación antiga que desvela claves sobre a vida desta cidade; pezas todas elas que se completan cunha dimensión multimedia e que nos presentan a configuración de Santiago a partir dos seus grandes polos: o Goberno galego, a Universidade e a Catedral, que fai de Compostela a meta do Camiño e un dos destinos culturais máis relevantes de Europa.

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, destacou que se trata “dunha oportunidade única para que a veciñanza, pero tamén os turistas e visitantes, descubran Santiago a través dos relatos das pezas tan especiais que nos presenta a mostra”.

Do mesmo xeito, destacou a “orixinalidade dunha proposta que fai posible comprender como se viviu e conviviu ao longo do tempo e ata a actualidade na capital galega e que nos leva ao encontro de tesouros históricos, a miúdo complicados de contemplar”.

O director xerente de Afundación, Pedro Otero, mostrou a súa satisfacción por que a sede desta institución en Santiago acolla unha mostra que “permite contemplar con claridade o pouso cultural e educativo que determinou desde o inicio o carácter da capital de Galicia”.“Esta cidade foi sempre un receptáculo das novas propostas en ámbitos moi diversos do coñecemento e que actuou de catalizador cara ao resto do territorio”, destacou.

Pola súa banda, Manuel Gago, comisario da exposición, explicou a súa intención de “facer desta mostra algo diferente, de maneira que o público, a través dunha experiencia multimedia, se sinta parte dela e poida interactuar coas pezas, explorando a historia que se narra a través delas”. 

Percorrendo as súas seccións (Mitos e OrixesTramasEscenarios ou Cidade narrada), ocomisarioexplicou que a mostra nos mergulla na “herdanza cultural” de Compostela e o fai convidándonos a emprender unha viaxe creada a partir de perspectivas procedentes de eidos do coñecemento diferentes (Historia, Arte, Urbanismo, Socioloxía...), pero tamén escoitando as voces dos seus habitantes. 

Cen pezas, cen historias

Santiago de Compostela no tempo ofrécenos a ocasión de contemplar obxectos únicos, a miúdo de difícil accesibilidade para o público, entre os que destaca o Libro de horas de Fernando I (1055), posiblemente o libro máis antigo conservado en Galicia, custodiado en cámara acoirazada pola Universidade de Santiago e que hai 20 anos que non se expón ao público.

Tamén pertencente a esta institución académica, pódese contemplar a Campá da Universidade (1600) que en tempos funcionou a modo de reloxo da vida estudantil, e que nunha cidade tan rica en arquitectura relixiosa representa unha das poucas campás laicas.

Nas vitrinas atopamos dous relicarios (do S.XI e do S.XIX), pezas internacionais procedentes de Bélxica,  testemuño do traslado dun pequeno fragmento das reliquias do Apóstolo a Liexa en 1056.  Xunto a elas, un dos obxectos máis representativos das primeiras etapas da ciencia arqueolóxica galega: o baleirado en xeso do petróglifo de Conxo (1935), reprodución realizada por Ramón Sobrino Buhigas.

Ademais, o visitante descubrirá documentos antigos, como planos orixinais de edificios emblemáticos que teñen que ver con ámbitos esenciais para a vida da cidade, como a educación, así como co deseño de servizos como a rede de subministro de auga e luz ou a chegada do tren.

Mesas interactivas

A proposta preséntase como unha clara intención de somerxer de pleno ao visitante na cidade a través de dúas mesas interactivas nas que poderán explorar os elementos da exposición e incluso retarse a recoñecer algunhas das imaxes características da estética compostelá, que se presentan no apartado Padróns.  Ademais, poderase achegar á vida de Santiago a través dos relatos da propia veciñanza.

 Xunto ao comisario, o proxecto contou co asesoramento de expertos como Miguel Pazos Otón, doutor en Xeografía; Cristina Sánchez-Carretero, antropóloga e científica titular do Instituto de Ciencias de Patrimonio (Incipit) do CSIC; e Xaquín Núñez Sabarís, doutor en Filoloxía Hispánica.