A exposición ‘Obxectos de desexo. Surrealismo e deseño’ ultima a súa montaxe no Museo Centro Gaiás

Santiago de Compostela, 04 de Abril de 2022

A Xunta e a Fundación ”la Caixa” inauguran este xoves 7 de abril no Museo Centro Gaiás a exposición Obxectos de desexo. Surrealismo e deseño, 1924 – 2020, que explora o intercambio e diálogo entre arte surrealista e deseño contemporáneo ao longo dos últimos 100 anos. A mostra, que abrirá as súas portas ao público ao día seguinte (venres 8 de abril), está organizada pola Fundación "la Caixa" e o Vitra Design Museum, un dos museos máis importantes do mundo no eido do deseño, coa colaboración da Xunta de Galicia a través da Cidade da Cultura e no marco do Xacobeo 21-22. Conta co patrocinio de Hugo Boss e o apoio de Art Mentor Foundation Lucerne.

Obxectos de desexo. Surrealismo e deseño, 1924 – 2020 trae a Compostela icónicas obras de artistas como Man Ray, Salvador Dalí, Giorgio de Chirico ou Le Corbusier, e tamén de grandes nomes do deseño contemporáneo: desde Ray Eames a Ingo Maurer, Gae Aulenti ou Frederick Kiesler, entre outros moitos. As obras exhibidas proceden na súa meirande parte dos fondos do Vitra Design Museum (na localidade alemá de Weil am Rheim), pero tamén doutras coleccións internacionais como as da Fondation Le Corbusier de París, a Fondazione Giorgio e Isa De Chirico de Roma, o Design Museum Den Bosch de Holanda ou a Fundación Gala-Salvador Dalí, entre outras moitas.

Estes días estanse a ultimar no Museo Centro Gaiás os traballos de montaxe desta exposición que vai poder visitarse na Cidade da Cultura ata o vindeiro 28 de agosto, con entrada de balde, de martes a domingo e de 10,00 a 20,00 horas. Antes do seu paso polo Gaiás, foi exhibida no propio Vitra Design Museum e nos centros de Caixaforum en Barcelona, Madrid, Sevilla e Girona. Ademais, está previsto que tras a súa estadía en Compostela, se expoña no Design Museum de Londres.

Trátase da terceira grande exposición que chega ao Gaiás froito da colaboración entre a Xunta de Galicia e a Fundación ”la Caixa”, tras Cine e emocións. Unha viaxe á infancia –con fondos da Cinémathèque française– e Faraón. Rei de Exipto –con obras do British Museum–.