Escenas do cambio traerá a Esther Ferrer e Isidoro Valcárcel, dous tótems da arte da vangarda

Santiago de Compostela, 17 de Decembro de 2018

A Cidade da Cultura de Galicia xa ten datas —do 7 ao o 16 de febreiro de 2019— para o festival máis vangardista das artes escénicas en Galicia, Escenas do cambio, no que se poderá ver un total de 17 obras escénicas, procedente de sete países (España, Portugal, Francia, Alemaña, Suíza, Polonia e Porto Rico) nunha programación que terá o privilexio de reunir nunha mesma edición a dous grandes referentes da vangarda, como son Esther Ferrer (Donostia, 1937)  e Isidoro Valcárcel Medina (Murcia, 1937). Estes dous tótems da cultura contemporánea teñen cadanseu no seu haber o Premio Nacional e o Premio Velázquez de Artes Plásticas, os recoñecementos de máis prestixio neste eido en España.


Os dous teñen en común unha traxectoria ampla e referencial para varias xeracións de artistas en España e que se caracteriza por unha arte arriscada e ética que faga pensar ao espectador e que sorprenda. Ambos abrirán Escenas do cambio 2019 o día 7 de febreiro; Esther Ferrer cunha performance coa comunidade de persoas xordas de Galicia, Os voy a contar mi vida,  mentres que Isidoro Valcárcel impartirá durante catro días un obradoiro, no Museo Centro Gaiás, da Cidade da Cultura de Galicia, e estreará nas escaleira helicoidal do Museo do Pobo Galego unha performance, Subida en tres actos, creada ex profeso para o festival.

 

Mais non son as únicas grandes figuras da programación desta edición, xa que o Festival de inverno de Teatro, Danza e Arte en Acción do Gaiás contará con tres dos máximos representantes da danza contemporánea actual como son Vera Mantero (Portugal), Tino Sehgal (Francia) e Ligia Lewis (Porto Rico- Alemaña) e que son nomes que non faltan en festivais de renome como o de Avignon, unha das máis importantes manifestacións internacionais do espectáculo contemporáneo actual.

 

Estreas en Galicia e España


Nesta edición preséntase por primeira vez en Galicia o traballo da coreógrafa portuguesa Vera Mantero: Tres solos, que é parte da historia da danza, mentres que Tino Sehgal e Ligia Lewis serán os encargados de pechar Escenas do cambio con Sans titre (2000) e Minor matter, respectivamente, e que suporá ver por primeira vez en España dúas obras emblemáticas das carreiras destes artistas xa consagrados na escena internacional.  Coa presenza destes referentes, o festival confirma nesta quinta edición a súa aposta por que a danza sexa cada vez máis protagonista no festival—cun evidente peso no programa tanto en cantidade como en calidade— así como pola presenza de pezas que aposten pola disidencia e o traballo en comunidade, dous relatos que están a construír a identidade do festival, dirixido desde os seus comezos polo vigués Pablo Fidalgo.

Traballos coa comunidade


Así, ademais do traballo coa comunidade de persoas xordomudas de Esther Ferrer en Os voy a contar mi vida; tamén o suízo Marco Berrettini en Ifeel4 contará con nenos e nenas de Compostela para configurar un coro con rapaces do Estudo Escola de Música. Deste xeito, o festival continúa a súa aposta por traballos interdisciplinares que achegan os mais novos ao mundo da escena contemporánea internacional. Nesta liña, os aclamados portugueses Ana Borralho e João Galante subirán ao escenario a adolescentes de Compostela, con idades comprendidas entre 18 e 23 anos, para que expoñan o seu xeito de ver e entender a vida en Gatillo da felicidade (Trigger of happiness).

A programación suma referentes internacionais de vangarda como a compañía italiana MOTUS que trae a Escenas do cambio con MDLSX, unha orixinal adaptación da afamada novela de Jeffrey Eugenides. Precisamente, o tema  de xénero, a dualidade e a disidencia con respecto á propia identidade —que conforma tamén relato no que se artella o festival—poderá verse en pezas de François Chaignaud ou Alessandro Sciarroni.

Completan este cartel internacional os portugueses Maria Salgado e Fran MM Cabeza de Vaca co seu Jinete Último Reino e Flora Détraz con Tutuguri ; e a bailarina polaca Ola Maciejewska coa que veremos en acción o seu espectacular vestido danzante, protagonista de Loie Fuller: Research.

Novos proxectos de artistas galegos


Do mesmo xeito, esta quinta edición rexistra un especial interese en amosar novas propostas de creación galega, apoiando neste 2019 a artistas que presentaron o seu traballo en anos anteriores e que viron crecer a súa carreira a partir de Escenas do cambio. Así, nesta edición Melania Cruz e Tito Asorey presentan O empapelado amarelo, o seu proxecto coa recén creada formación A quinta do cuadrante; mentres que Diego Anido e Borja Fernández dan a coñecer o Colectivo Marciano Balboa co traballo O inevitable; e Celso Sanmartín a adaptación do seu libro A cama do meu avó Manuel Sanmartín Méndez.

O director do festival presenta para esta programación un cartel que ten que ver cun formato cada vez  “máis performativo, de cubo branco e de museo”, segundo as súas propias palabras. “Seguimos centrados na formación e na posibilidade de atopar un festival cunha identidade clara no espazo museístico”, engade. 

Encontros con artistas, presentacións e obradoiros


O certame tamén continúa propiciando o achegamento do público cos e coas artistas e participantes nas pezas: a través de encontros abertos co público de carácter gratuíto —con  Esther Ferrer, Vera Mantero, Idoia Zabaleta e Isidoro Valcárcel Medina xunto ao crítico Juan de Nieves— e a través de presentacións; o libro Spanberguianismo de Alejandra Pombo e o novo proxecto de Nuria Sotelo e Cris Sánchez, A casa vella. Mantéñense os obradoiros de formación: así, ademais de contar nun cun referente das vangardas como Isidoro Valcárcel Medina, tamén haberá outro taller con Idoia Zabaleta (Vitoria, 1970). Para ambos é preciso a inscrición previa.

Colaboración internacional e abono á venda


Ao igual que en todas as súas edicións, Escenas do cambio 2019 conta cunha rede de colaboradores internacionais como o INAEM, o Concello de Santiago, o Centro Dramático Galego, a Agadic, a Universidade de Santiago, A Federación de Asocaicións de Persoas Xordas de Galicia, Camões - Instituto da Cooperação e da Língua e, neste 2019, incorpora o Museo do Pobo Galego, xa que continúa a liña aberta de estender a súa programación e máis alá do Gaiás, con representacións en diferentes espazos culturais da capital de Galicia, que inclúen o Teatro Principal e o Salón Teatro.

Toda a información polo miúdo da programación de Escenas do Cambio 2019 está na páxina do festival —www.escenasdocambio.org— e desde hoxe e ata o 20 de xaneiro xa se pode adquirir o abono de 50 euros para todas as funcións (agás a de Subida en tres actos de Isidoro Valcárcel Medina). As entradas para cada peza por separado estarán á venda nesta páxina web a partir do 7 de xaneiro de 2019.

DESCARGA O DOSSIER DE PRENSA