Electrónica do Brasil, música dos Balcáns e reggae para o Atardecer no Gaiás desta semana

Santiago de Compostela, 10 de Xullo de 2019

Atardecer no Gaiás, o ciclo de concertos do verán da Xunta de Galicia na Cidade da Cultura, retoma mañá xoves as súas actuacións de balde ao solpor con Labaq. A artista brasileira traerá á Praza Central os sons máis anovadores da música brasileira. Trátase dun dos nomes máis recorrentes na escena musical electrónica actual deste país e con máis presenza entre os seus circuítos da música alternativa/pop & indie.

Esta cantante, compositora, guitarrista e produtora despregará no escenario Cervezas Alhambra —patrocinadora deste ciclo— a forza e a sensibilidade que proxecta tanto na súa voz, como na súa guitarra eléctrica. A partir das 21 horas, o sol agocharase na praza exterior da Cidade da Cultura acompañado dos envolventes sons electrónicos desta integrante da nova xeración de artistas do Brasil, quen con só 12 anos xa tocaba a guitarra acústica e eléctrica, a trompeta e, máis tarde, a percusión.

Esta faciana musical complétase coa súa condición de empresaria e co-creadora dun festival de música, o Sonora, con edicións en 65 cidades de quince países e dedicado especificamente ás mulleres artistas. Precisamente, Atardecer no Gaiás volve a significarse nesta edición de 2019 pola súa aposta por voces femininas, como a da mesma Labaq.

O ciclo, que conta tamén coa colaboración do Instituto Nacional de las Artes Escénicas y de la Música (Inaem), continúa o venres, día 12, coa ampla formación galega Europejska Orkiestra  ateigando a Praza Central dos vellos sons dos países dos Balcáns.

Esta formación de violín, clarinete, guitarras, saxo tenor, contrabaixo e percusión proporá unha viaxe a través de 10 composicións, que  supoñen un percorrido musical por Bulgaria, Romanía, Eslovaquia, Moldavia, Ucraína, Polonia, Alemaña, Francia, España e Galicia, tendo sempre como punto de partida as raíces folclóricas de cada un destes territorios. 

Reggae para musicar o solpor

Para o peche de Atardecer no Gaiás desta semana contarase con outro artista galego, Soulmacklein, cantante da exitosa banda de hip hop Delahoja. Neste caso,  a proposta do solpor musicado do sábado, día 13, dá un xiro de 180 graos cun repertorio de reggae con letras de temáticas que remiten ao verán e que convidan á praia e ao baile ao aire libre.

Estes tres concertos forman parte das 20 actuacións que compoñen o ciclo Atardecer no Gaiás, que se celebrará na Praza Central da Cidade da Cultura ata o 17 de agosto, nunha edición que lles dá visibilidade aos ritmos que triunfan na actualidade entre a xente máis nova,  como é o caso da electrónica e do reggae deste xoves e sábado. Toda a información de grupos e artistas en www.cidadedacultura.gal e en www.atardecernogaias.gal.