Domingos de cinema familiar no Gaiás cun pequeno ciclo, escolma de filmes da exposición 'Cinemas e emocións'

Santiago de Compostela, 09 de Outubro de 2020

A Xunta de Galicia converterá a Cidade da Cultura nun efémero cinema de outono para proxectar as tardes dos domingos 18 e 25 de outubro e 1 e 8 de novembro un pequeno ciclo familiar cos filmes Inside out, Le Havre, Ma vie de courgette e Persépolis­, fitas que forman parte do amplo percorrido cinematógrafico da exposición Cinema e emocións. Unha viaxe á infancia do Museo Centro Gaiás.

A mostra —organizada por La Cinémathèque française e a Fundación "La Caixa" en colaboración coa Xunta de Galicia no marco do Xacobeo 2021— pon en valor o papel que ten a sétima arte no desenvolvemento persoal durante a nenez, a través dunha viaxe por filmes de diferentes épocas que marcaron tamén a diferentes xeracións.

A selección de películas do ciclo Domingos de cinema e emocións tivo como criterio na escolla de que se tratasen de filmes para todos os públicos, co obxecto de fomentar plans interxeracionais, pero tamén actividades que sementen interese pola arte e pola cultura entre os máis pequenos e pequenas, á vez que ofrecerlles contidos de calidade que esperten e alimenten o seu espírito crítico.

Deste xeito, as fitas abordan a importancia da xestión das emocións na infancia (Inside out), o dereito irrenunciable a unha vida digna das persoas inmigrantes (Le Havre), a realidade da orfandade (Ma vie de courgette) e a revolución islámica desde a perspectiva dunha nena iraniana (Persépolis). 

Entradas á venda para a primeira proxección

As entradas –dobres ou cuádruplas- para a primeira proxección do 18 de outubro, Inside out de Pete Docter, están xa á venda en www.ataquilla.com a 3 euros por persoa. Nos seguintes días irase abrindo a billeteira en liña para o resto dos filmes do ciclo, onde se aplicará o estrito protocolo de medidas sanitarias da covid-19: distancia social de 1,5 metros entre as persoas que non formen parte do círculo de convivencia e uso obrigatorio de máscara de protección durante todo o visionado. 

Na web da Cidade da Cultura de Galicia –www.cidadedacultura.gal—ofrécese información máis polo miúdo destas medidas e tamén de todas as películas que forman parte do ciclo.