'Detrás do espello' amosa a ollada de Galicia de 50 grandes nomes da cultura universal como Borges, Einstein, Buñuel, Lorca ou Hemingway

Fotos: Rocío Cibes
Santiago de Compostela, 06 de Marzo de 2023

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, acompañado polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, inaugurou hoxe na Cidade da Cultura a exposición Detrás do espello, un proxecto que percorre a pegada de Galicia na vida ou na obra de medio centenar de grandes nomes da cultura universal, desde García Márquez, Albert Einstein, Ernest Hemingway, Luis Buñuel, Federico García Lorca, Julio Cortázar, Mike Oldfield, David Chipperfield, Anna Turbau ou Isabel Coixet, entre outros moitos.

Trátase dun proxecto expositivo comisariado polo músico, autor, produtor e director audiovisual Antón Reixa e polo comunicador e xestor cultural Xosé Luís García Canido. A mostra componse de arredor de 300 pezas, a meirande parte delas documentos, carteis, fotografías, cartas ou manuscritos, incluíndo tamén unha vintena de audiovisuais e unha reducida escolla de obxectos simbólicos, como a gaita e o Premio Grammy do músico irlandés Paddy Moloney ou unha instalación artística do creador Hamish Fulton.

O conselleiro de Cultura destacou a oportunidade que constitúe Detrás do espello para achegarse a “pezas insólitas sobre Galicia que crearon auténticas iconas dos séculos XX e XXI”, e resaltou a contribución dos obxectos, diarios, pezas artísticas ou documentais exhibidos para desenvolver “a visión que temos de Galicia como paisaxe artística e como motor de reflexión cultural e identitaria”.

“Os autores que conforman esta mostra ofrecen unha interpretación do feito de ser galego e de habitar no noso territorio e dannos a oportunidade de ampliar a imaxe que temos sobre a Galicia representada na arte a través do tempo”, remarcou o titular de Cultura do Goberno galego, quen convidou ao público a visitar esta exposición no Museo Centro Gaiás, onde estará ata o vindeiro 11 de xuño.

Un relato de Galicia en 50 olladas

Así, en Detrás do espello, o público poderá contemplar por vez primeira pezas históricas como o chifre de José María Rodríguez, un anónimo capador de Nogueira de Ramuín que nos anos 50 foi gravado polo folclorista estadounidense Alan Lomax e que inspiraría a Miles Davis para a súa peza The Pan Piper, incluída no álbum Sketches from Spain. Este pequeno chifre de madeira foi cedido, ao igual ca o instrumental de traballo de Rodríguez, pola súa familia e nunca antes fora exposto.

Tamén forman parte da selección da mostra algunhas das primeiras imaxes en cor que se conservan de Galicia, tomadas en 1917 polo fotógrafo francés Georges Chevalier para o proxecto do Arquivo do Planeta impulsado polo banqueiro e mecenas Albert Khan, ou obras icónicas como o diario manuscrito no que o escritor austríaco Stefan Zweig dá conta da súa visita a Vigo pouco despois do golpe franquista, por vez primeira en España.

Fotografías históricas doutros grandes nomes da literatura que visitaron Galicia, como Lorca, García Márquez, Cortázar ou Graham Greene, audiovisuais asinados por Isabel Coixet, León de Aranoa ou José Luis Cuerda, fotografías de Sebastião Salgado, Susan Meiselas, Cristina García Rodero ou Anna Turbau, quen nos anos 70 se internou de xeito clandestino no Hospital Psiquiátrico de Conxo e relatou en imaxes as condicións das persoas internadas están tamén incluídas nesta exhibición que pode visitarse a partir de mañá no Museo Centro Gaiás.

Detrás do espello conta coa colaboración de ata 70 institucións de dentro e fóra de Galicia que amosan parte dos seus fondos nesta exposición e que inclúen desde museos ata arquivos nacionais, bibliotecas, fundacións ou coleccións privadas que co seu traballo contribúen, en palabras do conselleiro, “á recuperación da memoria compartida e á súa posta en valor á hora de achegala ao gran público”. 

 
Fotos: Rocío Cibes
Fotos: Rocío Cibes
Fotos: Rocío Cibes
Fotos: Rocío Cibes
Fotos: Rocío Cibes
Fotos: Rocío Cibes
Fotos: Rocío Cibes