Debatimos sobre o audiovisual na era poscovid-19 coa cineasta Carla Simón e o director de Portocabo, Alfonso Blanco

Santiago de Compostela, 12 de Xuño de 2020

O quinto webinario dos Foros #ACULTURASEGUE. Reflexións sobre a cultura na era poscovid-19 estivo centrado esta tarde nos desafíos aos que se enfronta o sector do cinema e o audiovisual no contexto actual. A sesión estivo conducida polo director da Agadic, Jacobo Sutil Nesta, e contou coa participación da cineasta catalá Carla Simón e o produtor e CEO de Portocabo, Alfonso Blanco. Ambos tiveron que enfrontar nos pasados meses a paralización e aprazamento dos seus proxectos por causa da pandemia: Carla Simón viuse na obriga de pospor todo un ano a rodaxe da súa segunda longametraxe, prevista para comezos deste verán, mentres que Portocabo vén de retomar a gravación da serie Hierro, no medio de estritos protocolos de seguridade para todo o equipo­. Cales foron as consecuencias destes aprazamentos ou como a aplicación das medidas de seguridade se concilia coa realidade dunha rodaxe foron temas tratados durante o webinario, onde tamén se analizaron cuestións como os desafíos da covid-19 para festivais e salas de cine ou o auxe de novos formatos e plataformas de distribución.

Os Foros #ACULTURASEGUE. Reflexións sobre a cultura na era poscovid-19 véñense desenvolvendo desde o pasado mes de maio e constan nunha serie de encontros en formato webinario con especialistas procedentes de distintos campos do eido cultural. As sesións poden seguirse por videoconferencia e convidan á reflexión e á análise dos retos aos que se enfronta o sector no panorama actual. A actividade está impulsada pola Xunta de Galicia, a través da Fundación Cidade da Cultura de Galicia e no marco do Xacobeo 2021 e realízase ao abeiro do Plan de reactivación dos sectores cultural e turístico fronte aos efectos derivados da covid-19, promovido polo Goberno galego.