Creacións anovadoras de danza e artes vivas verán a luz no Gaiás no marco das Residencias Paraíso

Santiago de Compostela, 23 de Xullo de 2021

Estes días transcorre no Gaiás a quinta edición das Residencias Paraíso, un programa de creación e investigación en danza e artes vivas promovido polo colectivo RPM co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais e da Fundación Cidade da Cultura, e coa colaboración do Concello de Santiago, o Concello da Coruña, o Concello de Lugo, o Concello de Ferrol, a Vicerreitoría de Igualdade, Cultura e Deporte da UDC, e a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia.

En 2021 foron 8 os proxectos seleccionados entre un total de 160 candidaturas que dan conta da enorme capacidade creativa da comunidade artística vencellada ás artes vivas en Galicia. A comisión deste ano estivo formada por Caterina Varela e Félix Fernández –do Colectivo RPM– e Cris Vilariño, Jacobo Pallarés e Cristina Moreira como profesionais convidadas.

O colectivo Octopus to the Party inaugurou a experiencia no Gaiás cun proxecto homónimo que aborda desde unha óptica transdisciplinar o concepto de festa como elemento vertebrador social indispensable, actualmente en crise pola situación de pandemia que estamos a vivir. O seu traballo, desenvolvido durante o mes de xullo nunha residencia combinada entre a Cidade da Cultura de Galicia e o Salón Teatro de Santiago de Compostela, presentarase ao público mañá, venres 23, ás 20,00 horas . O acceso será de balde até completar cabida previa retirada de convite dende media hora antes na entrada ao Salón Teatro.

Na mesma combinación anterior de espazos en residencia e durante tres semanas entre xullo e agosto, a artista María Llanderas desenvolveu o seu novo proxecto creativo. Baixo o título de A idea primaria é esnaquizalo a cabezadas, o proxecto abraza o espírito inconforme da poeta Xela Arias e o seu pulo por facer da súa obra escrita unha arma viva, trasladando ao corpo e ás artes vivas toda esa linguaxe emocional. O venres 6 de agosto ás 20,00 horas a artista fará unha mostra aberta do seu traballo no Salón Teatro.

Canda estas pezas, o programa de residencias complétase cos traballos Antes todo esto era campo, do Colectivo Nerval; Coreografías selváticas de Adriana Reyes; 30' 70 60' 120, de Marta Valverde; El dios del pop, de Diego Anido; Memorias danzantes, de Miriam Rodríguez e Olga Cameselle; e Cerimonia de Helena Salgueiro e Verónica Moar.

A Universidade da Coruña, o Teatro Rosalía de Castro, a Igrexa da Madalena de Ribadavia, o Pazo da Cultura de Carballo, o Pazo da Cultura de Narón, o vello cárcere de Lugo, e o Centro Torrente Ballester de Ferrol completan a nómina de espazos que abeirarán o agromar de novas creacións. As tipoloxías dos distintos espazos favorecen a acollida das diversas fases dun proxecto artístico, dende a investigación, a escritura, o traballo dramatúrxico ou a creación coreográfica, até residencias de carácter técnico.

Os proxectos recibirán un apoio de entre 1.800 e 3.000 euros até o total de 20.000 euros cos que se activa a convocatoria 2021. As Residencias Paraíso buscan atender e respectar o espazo e o tempo dedicado á investigación artística, fundamental para a xeración de propostas anovadoras.

Programa REGA

As Residencias Paraíso enmárcase no programa REGA (Residencias artísticas do Gaiás), lanzado este 2021 e co que a Cidade da Cultura pon os seus espazos, recursos e equipos técnicos ao servizo de creadoras e creadores de dentro e fóra da nosa comunidade que acudirán ao Gaiás para desenvolver os seus proxectos culturais.

Darán acubillo a creacións vencelladas á música, á escena, á danza, ás artes performativas e audiovisuais e á literatura, que se desenvolven grazas á colaboración con institucións e colectivos culturais, e que contribuirán a consolidar a Cidade da Cultura como viveiro cultural creativo.