Cidade Imaxinaria Verán traerá ao Gaiás dragóns xigantes e espectáculos acrobáticos

Santiago de Compostela, 07 de Agosto de 2018

A Cidade da Cultura convida as familias a gozar dunha nova edición de Cidade Imaxinaria, o tradicional festival lúdico e familiar que desde hai oito anos chega todos os agostos ao Gaiás –e que en 2018 por primeira vez ampliou a súa programación cunha edición de primavera o pasado mes de abril–.

Cidade Imaxinaria Verán programa catro horas ininterrompidas de fantasía, circo e xogos, nunha tarde de espectáculos ao aire libre e de balde. Nesta edición, que se celebrará o 25 de agosto de 16 a 20 horas, potenciaranse os espectáculos en movemento polos exteriores do complexo. Estes incluirán abraiantes propostas como dragóns –ou “dragosaurios”– de cinco metros de altura que corricarán polo Gaiás sorprendendo a pequenos e maiores e tamén arriscados números acrobáticos no cumio de rodas xigantes.

Equilibristas, trapecistas, saltimbanquis e clowns conquistarán todos os recunchos da Praza Central da Cidade da Cultura cun mesmo obxectivo: facer á cativada viaxar por mundos máxicos. Espectáculos e propostas de lecer innovadoras compartirán espazo con xogos tradicionais como simples trebellos de corda e madeira que ao longo do tempo atrapan e cativan o todos os que os proban, independentemente da idade. Actividades como globoflexia e obradoiros de maquillaxe de fantasía complementan tamén a programación.

Escola de circo e espazo para bebés

Non faltará nesta Cidade Imaxinaria a demandada e exitosa escola de circo, que permite descubrir o grande acróbata, malabarista ou equilibrista que todo neno e nena leva dentro.  Ademais, e como novidade desta edición, incluirase por vez primeira programación para os máis pequechos e pequechas da casa, xa que haberá un espazo para bebés —de 0 a 3 anos de idade— con xogos de estimulación.

Cidade Imaxinaria Verán contará ademais con zonas para repor enerxías, con postos de petiscos e larpeiradas para a merenda. Haberá tamén reforzo no servizo de autobuses que se suman ás habituais Liñas 9 e 11 que conectan o Gaiás co centro de Compostela, para facilitar deste xeito que as familias se acheguen a esta xornada festiva que na súa edición de primavera reuniu arredor de 8.000 persoas.

 
Cidade Imaxinaria Primavera. Foto: Manuel G. Vicente