A Cidade da Cultura celebrará o Día da Música coa verbena urbana do compostelán Ortiga

Santiago de Compostela, 13 de Xuño de 2022

A Xunta conmemora este ano o Día da Música —efeméride que se celebra o 21 de xuño— na Cidade da Cultura coa actuación de Ortiga, proxecto musical responsable de renovar o espírito da verbena galega a golpe de autotune, guitarra e secuenciadores. Actuará o venres 24 de xuño ás 21,00 horas na Praza Central do Gaiás, nun concerto de balde no que tamén subirán ao escenario varios artistas, amigos e colaboradores do músico compostelán.

Manuel González, Chicho, artífice de Ortiga, presentará no Gaiás o seu segundo álbum Sabes el camino que elegí (Ernie Records, 2021), no que mantén a súa aposta por ligar os ritmos latinos cos sons da música urbana, na liña do cumbiatune, estilo persoal que creou dentro do dúo Esteban & Manuel e perfeccionou no seu debut en solitario Chicho & sus Chichas.

Neste novo traballo, Ortiga busca ademais ampliar a súa paleta de ritmos, incorporando a salsa, o funk e incluso o pop aos seus temas, nos que fala sen artificios do amor e do desamor, de encontros e amizades. Na noite do 24 de xuño, a súa alma festeira contaxiará ao público no Gaiás para celebrar o Día da Música e tamén a modo de aperitivo dos concertos que a Cidade da Cultura programa para este verán de 2022.

Cunha traxectoria curta pero cargada de proxectos, Manuel González é coñecido tamén por ser a outra metade do dúo de pop electrónico Los Rastreadores (con Grande Amore) e do referente do trap galego Boyanka Kostova (con Cibran García). Como Ortiga, o seu rebulir musical levouno a colaborar con artistas como o asturiano Rodrigo Cuevas ou a facer unha revisión da canción popular Eu chorar chorei, a dúo coa veterana da verbena galega, Pili Pampín.

Ópera e cultura urbana

A Biblioteca de Galicia tamén se suma á celebración do Día da Música co espectáculo Ópera Break’s, mestura de ópera, baile urbano e percusión vocal. Será o sábado 18 de xuño ás 18,00 horas no Auditorio Neira Vilas, tamén con entrada gratuita previa reserva de praza a través da web da Cidade da Cultura.