A Cidade da Cultura acolle o IV Festival de Bandas Infantís e Xuvenís de Galicia con preto de 600 intérpretes

Santiago de Compostela, 09 de Xullo de 2019

A Cidade da Cultura de Galicia acolle o vindeiro domingo a IV edición do Festival de Bandas Infantís e Xuvenís de Galicia, no que arredor de 590 músicos novos, de 13 formacións, interpretarán os repertorios elixidos para a ocasión. O certame incluirá un concerto da Banda Sinfónica Xuvenil Galega, formada por medio cento de intérpretes pertencentes a diferentes bandas e conservatorios da comunidade e dirixida por Xabier Oliveira Blanco. Para finalizar o certame, todas as formacións interpretarán de xeito conxunto o himno galego.

O Festival de Bandas Infantís e Xuvenís de Galicia, organizado pola Federación Galega de Bandas de Música Populares (FGBMP) en colaboración coa Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia, busca dar a coñecer o traballo que fan as formacións máis novas das bandas de música galegas, coa finalidade de mellorar a visibilidade destas agrupacións, amosando o seu traballo ante o público.

O evento tamén busca fomentar o encontro entre novos intérpretes, establecer vínculos que dean lugar a futuras sinerxías entre bandas, enriquecer a formación das xeracións máis novas e promover a educación na diversidade a través da música como linguaxe universal.

Programa da xornada

O festival arrancará ás 11,00 horas no Museo Centro Gaiás, e desenvolverase ao longo de todo o día como unha xornada de convivencia entre os participantes –todos menores de 20 anos–, integrantes de 12 bandas (máis a Banda Sinfónica Xuvenil Galega), escollidas por sorteo entre todas as formacións federadas da FGBMP que se presentaron ao proxecto. Cada formación interpretará os repertorios elixidos para a ocasión, que inclúen pezas do máis variado: desde compositores de bandas sonoras como John Williams e Michael Sweeney, de musicais como Andrew Lloyd Weber, ou versións orquestrais de temas de Coldplay ou Walk the Moon. Ademais, os rapaces poderán tamén gozar da área de lecer do encontro, que incluirá diversos xogos tradicionais e probas de enxeño.

As formacións participantes deste ano serán a Banda da Escola de Música de Ponteledesma (Viladecruces), a Banda Xuvenil da Agrupación Musical do Rosal, a Agrupación Músico Cultural de Ribadumia, a Banda de Música Infantil de Rubiós (As Neves), a Banda da Escola de Música de Vilaboa, a Banda da Escola de Música de Xinzo (Ponteareas), a Xove Banda de Valga, a Banda de Música Municipal Xuvenil de Agolada e a Banda Xuvenil de Vilatuxe (Lalín), todas elas procedentes da provincia de Pontevedra. Da provincia de Ourense estarán presentes a Banda Xuvenil da Agrupación Musical da Limia e a Banda de Música de Santádega (Coles), mentres que da provincia da Coruña participará a Banda Infantil Sementeira (Narón).

Pecha o repertorio de formacións a Banda Sinfónica Xuvenil Galega, recentemente formada a través dunha convocatoria lanzada pola FGBMP a músicos menores de 18 anos e tamén a directores interesados, en virtude da cal foron seleccionados os seus 50 integrantes, pertencentes a 27 bandas e conservatorios.