Celebración do Día do Libro na Biblioteca de Galicia coa exposición ‘Descubrindo obras singulares’

Santiago de Compostela, 23 de Abril de 2019

O director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, asistiu esta mañá á apertura da exposición Descubrindo obras singulares da Biblioteca de Galicia, na Biblioteca e Arquivo de Galicia, situada na Cidade da Cultura con motivo da celebración do Día do Libro. Unha efeméride conmemorada a través dunha extensa carta de actividades nos diversos centros integrantes da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia.

Entre as obras expostas, os visitantes poderán contemplar o incunable máis antigo da biblioteca, Sermones in patientia in Job, único exemplar conservado en España desta edición. Tamén se poderá ver a edición facsimilar máis pequena da biblioteca, o Libro de Horas de Dña Mencía de Mendoza, na que a calidade das iluminacións e miniaturas dan un especial valor a este famoso libro.

Outras das obras expostas serán 2 viaxes, de Xaquín Marín e Reimundo Patiño, que foi o primeiro cómic en galego, ou o Diario de La Coruña, publicación seriada máis antiga que se conserva na biblioteca e un dos primeiros periódicos editados en Galicia. Ademais forman parte da mostra pezas curiosas como os Minilibros para soñar, exemplo do fondo de literatura infantil e xuvenil que ten a biblioteca, ou un exemplar da obra Jinjyo shougaku doku hon, libro de xaponés para educación primaria que pertence á Biblioteca de Manuel Díaz Rozas, doada por Isaac Díaz Pardo.

Completan a exposición obras senlleiras da literatura galega como a primeira edición de Follas Novas, publicada na Habana en 1880, e que recolle o que Rosalía pretendía fose a continuación de Cantares Gallegos.

Día do Libro 2019

No marco da celebración do Día do Libro, a Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia ofrece un amplo abano de actividades nesta mesma xornada e ao longo das vindeiras datas.