Carta de Santiago procura respostas a retos sociais como as migracións masivas da man de Joséphine Goube

Carta de Santiago. Fotos: Manuel G. Vicente
Santiago de Compostela, 06 de Novembro de 2021

A Xunta de Galicia, a través do encontro internacional Carta de Santiago, procura estes días respostas a grandes desafíos da sociedade actual como as migracións masivas, o cambio climático ou a alimentación das macro-urbes. Este foro de reflexión e debate, organizado polo Goberno galego en colaboración coa Fundación Paideia Galiza e no marco do Xacobeo 21-22, congrega hoxe no Gaiás a nomes como o da emprendedora francesa Joséphine Goube, co-fundadora e directora executiva de Techfugees for Impact.

Na conversa conducida pola investigadora da Universidade da Coruña Keina Espiñeira, Goube sinalou que Europa "non afronta unha crise de refuxiados, senón unha crise de hospitalidade", ao tempo que apostou por "dialogar coas persoas refuxiadas de igual a igual e non tratalos como obxectos aos que mover ou encher de habilidades para facelos produtivos".

Goube, que recibiu a distinción de Emprendedora Social da revista Forbes, mobiliza a través da plataforma Techfugees a toda unha comunidade internacional de desenvolvedores na creación de solucións que axuden ás persoas refuxiadas. En Compostela, explicou que o seu proxecto "ofrece tecnoloxía segura, simple e accesible: non pretendemos salvar o mundo, pero podemos aliviar o seu sufrimento". A conversa, titulada Reimaxinando un mundo máis hospitalario cos refuxiados, contou coa asistencia do secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo.

Cambio climático e biodiversidade

O medio ambiente foi tamén tema central desta xornada do sábado, na que se trataron cuestións como a relación entre territorio e biodiversidade. Carolyn Steel, especialista internacional no debate arredor das macro-urbes e no problema de alimentación nestas metrópoles –e autora de obras de referencia como Cidades Famentas e Sitopia– apostou por "volver coser sociedade e campo para ter a cidade que precisamos: é necesario que campo e cidade deixen de darse as costas". Ao tempo, fixo un chamamento a "pór a alimentación no centro da nosa economía: a alimentación dá forma ao noso corpo, mente e paisaxe, pero non lle damos valor. Debemos volver darlle valor aos alimentos, para que todo cambie para mellor".

Pola súa banda, a científica titular do Instituto Español de Oceanografía, Lucía Viñas, o médico e biólogo Salvador Fojón –coordinador da Unidade de Coidados Intensivos Cardiolóxicos do CHUAC– e a divulgadora de natureza Mónica Fernández-Aceytuno debateron previamente arredor do cambio climático e a axenda 2030, realizando un chamamento común a loitar de forma unitaria contra o quecemento global, por tratarse dun problema de toda a humanidade, que non entende de bandeiras nin fronteiras.

Programa do domingo

O programa de Carta de Santiago rematará mañá domingo coa conferencia de María Neira, directora do Departamento de Saúde Pública da Organización Mundial da Saúde. Pese a ter que conectarse a distancia desde Glasgow, onde se atopa participando na Conferencia das Nacións Unidas sobre cambio climático, a representante da OMS participará en Carta de Santiago a través dunha proxección holográfica, conversando con África González, galega que se ten convertido nunha das inmunólogas máis recoñecidas de España, ex directora do Centro de Investigacións Biomédicas e ex presidenta da Sociedade Española de Inmunoloxía.

Nomes como os do biotecnólogo galego César de la Fuente, profesor da Universidade de Pennsilvania recoñecido polo MIT como un dos científicos novos máis innovadores; o filósofo Daniel Innerarity, Premio Nacional de Ensaio; ou a emprendedora e científica Luz Rello, recoñecida co Premio Fundación Princesa de Girona polo seu traballo en apoio das persoas con dislexia, completan o programa do derradeiro día de Carta de Santiago.

Reflexión e debate sobre a sociedade do futuro

Carta de Santiago é un dos principais eventos de reflexión no marco do Xacobeo 21-22, organizado pola Xunta de Galicia en colaboración coa Fundación Paideia Galiza. Este encontro internacional, que está a ter lugar desde onte e ata mañá domingo 7 de novembro na capital galega, congrega a 40 líderes en eidos como a ciencia, a cultura, o medio ambiente ou o cambio social.

O encontro está a converter a capital galega en protagonista do debate arredor da sostibilidade e as conversas xeradas tomarán forma ademais nunha publicación que recollerá as conclusións do evento, ademais de textos complementarios. O encontro conta con entrada de balde e pode seguirse ademais a través de streaming na canle de YouTube da Cidade da Cultura ou na web cartadesantiago.gal.

 
Carta de Santiago. Fotos: Manuel G. Vicente
Carta de Santiago. Fotos: Manuel G. Vicente
Carta de Santiago. Fotos: Manuel G. Vicente
Carta de Santiago. Fotos: Manuel G. Vicente