Cantos, contos e xogos, en liña desde o Gaiás, para celebrar o Día da Lingua Materna

Santiago de Compostela, 19 de Febreiro de 2021

A Xunta de Galicia conmemorará este domingo 21 o Día Internacional da Lingua Materna cunha actividade familiar de dinamización lingüística dirixida aos máis cativos, que será retransmitida en streaming desde a Cidade da Cultura, podendo verse nesta ligazón.

Así, os nenos que o desexen e as súas familias poderán gozar de Puño, puñete, unha orixinal proposta da man de Baobab Teatro que inclúe cantos, contos e xogos, para pasar unha hora de divertimento e aprendizaxe, entre as 11,00 e as 12,00 h da mañá.

Tomando como liña argumental o xogo tradicional “-Puño, puñete, que tes por dentro? -Pan e fermento! -Puño, puñete, que tes por fóra? -Pan e cebola!”, a compañía teatral ofrecerá un espectáculo para cantar e xogar en familia, combinando rimas, cantigas e contos en lingua galega.

O encontro virtual previsto para o domingo estará conducido pola xornalista Esther Estévez, condutora do coñecido espazo #DígochoEu, e contará tamén coa presenza do conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, que lles dará a benvida a todos os participantes nesta retransmisión en directo que ten como obxectivo apoiar a efeméride e visibilizar e promover a lingua galega e a súa transmisión interxeracional.

Convocado pola Unesco

Centrado nesta ocasión no multilingüismo para a inclusión no eido educativo e na sociedade, o Día Internacional da Lingua Materna foi proclamado pola Conferencia Xeral da UNESCO en 1999 e celébrase anualmente desde o 21 de febreiro de 2002 cos obxectivos de promover o plurilingüismo e a diversidade cultural.

A Xunta de Galicia vén sumándose a esta celebración desde o ano 2010, contextualizándoa na nosa Comunidade e orientándoa á promoción e transmisión da lingua materna.