Caldo e Néboa para despedir 'Atardecer no Gaiás' apostando pola experimentación da nova escena musical galega

Santiago de Compostela, 22 de Agosto de 2022

A Cidade da Cultura pecha a programación de Atardecer no Gaiás 2022 con dous concertos, este xoves e venres, protagonizados por dúas bandas galegas, Caldo e Néboa, que reinterpretan a música tradicional con distintos estilos e sons, sendo dous dos máximos expoñentes da experimentación musical en Galicia.

O ciclo, organizado pola Xunta de Galicia coa colaboración do INAEM, veu converterse de novo nesta décimo segunda edición nun gran escaparate para as tendencias musicais actuais, tanto galegas, na súa meirande parte, como do resto do territorio español e portugués.

Para esta última semana de actuacións o escenario da Praza Central do Gaiás contará o xoves, a partir das 21 horas, con Caldo. Os seus tres compoñentes, afincados no Valmiñor, achegan a música tradicional a contextos sonoros contemporáneos a través da experimentación cos instrumentos (violín, pandeireta e guitarra), mostrando influencias das músicas europeas e atlánticas. O grupo recibiu o recoñecemento ao mellor proxecto de música folk nos Premios Martin Códax da Música 2020.

Polo mesmo ronsel que combina a canción tradicional con ritmos contemporáneos despedirá o cartel de concertos o venres á mesma hora o quinteto galego Néboa. O seu estilo pop-folk é resultado dunha mestura de toques de electrónica, jazz e trip-hop. Con Fósforo, EP con cinco temas, dan continuidade ao seu primeiro traballo longo, A realidade enganosa.

Diversos estilos nun percorrido de dezaseis actuacións

Con estas dúas últimas propostas, Atardecer no Gaiás pecha unha edición de dezaseis concertos na que o público puido gozar de diferentes estilos musicais á luz do solpor na Cidade da Cultura, desde o pop á canción de autor e o flamenco, a electrónica, o folk experimental e ritmos urbanos que mesturan xéneros como a electrocumbia, trap ou hip hop.

O programa comezou en xullo con Los Jinetes del Trópico e Sila Lúa e continuou co andaluz Alfredo Tejada, a extremeña Ruiseñora ou a madrileña Lusillón. Polo escenario ao aire libre pasaron todos os xoves e venres do verán diferentes artistas e formacións como Mundo Prestigio, MJ Pérez, Terrae, Carla Green & the Demons, Basanta ou Kimberley Tell. Tamén se sumaron ao programa tres propostas que parten do talento musical máis novo: Alicia Otero (1º premio) e MARIÁN (2º premio) --gañadoras na especialidade de música do certame do Goberno galego Xuventude Crea 2021-- e Rockaína, --segunda clasificada na última edición do XeneraSon Rock, dirixido a bandas noveis das academias de música de Galicia e Portugal. .