Atardecer no Gaiás 2022

Un ano máis, na Cidade da Cultura poñemos banda sonora aos longos solpores do estío co ciclo de concertos Atardecer no Gaiás. 16 actuacións en directo, con entrada de balde, que percorren estilos e xeografías dando forma a un itinerario diverso e actual no que teñen cabida desde o pop ata a canción de autor e o flamenco, a electrónica, o folk experimental e unha boa dose de ritmos urbanos nos que os xéneros se mesturan baixo etiquetas do máis variado: electrocumbia, trap, hip hop...

En Atardecer no Gaiás 2022 poderás escoitar o último de artistas de Galicia que están a revolucionar a forma de facer música desde o país, partindo de estilos tan diferentes como o hip hop —Mundo Prestigio—, a canción de autor —MJ Pérez—, a delicada mestura de electrónica e canción tradicional de Néboa, a fusión de techno e world music de Terrae ou a orixinal deconstrución e reinterpretación da música tradicional galega de Caldo, mellor proxecto de música folk nos Premios Martin Códax da Música 2020. A representación galega nos atardeceres complétase co pop de Anxo Araújo, o funk e o soul de Carla Green & the Demons, a electrocumbia de Los Jinetes del trópico, a combinación de tradición e vangarda de Nacho·Faia·Lar, o misterioso pop psicodélico de Basanta e os ritmos urbanos xestados a cabalo entre Vigo, Londres e Madrid de Sila Lúa

Desde outras xeografías, subirán ao escenario da Praza central da Cidade da Cultura artistas emerxentes do panorama nacional como Kimberley Tell, Lusillón, ou Ruiseñora, que comezan a facerse un oco nas salas e festivais de toda España, e tamén propostas para todos os públicos como o cantaor flamenco Alfredo Tejada.

Ademais, para apoiar os talentos musicais máis novos de Galicia e Portugal, Atardecer no Gaiás incluirá este ano na súa programación un concerto especial no que participarán dous grupos seleccionados do programa Xuventude Crea da Xunta, dirixido a mozos e mozas entre os 16 e os 30 anos de idade, e do certame XeneraSon Rock, no que participan bandas noveis das academias de música galegas e do país veciño.

ATARDECER NO GAIÁS - XULLO

7 XULLO | LOS JINETES DEL TRÓPICO

Do Land Rober ao Got Talent, de festival en festival, Los Jinetes del Trópico levan a súa fusión de ritmos latinos, ska e música popular galega aló onde faga falta. O autodenominado FestiZaxe dos de Monforte leva desde o ano 2015 sacando a bailar á xente en salas e festivais de toda Galicia, gravando temas sen parar —ata unha Cumbia de Muxía coas Tanxugueiras— e agora o trío sube ao Gaiás para montar unha verbena irrepetible ao solpor.

8 XULLO | SILA LÚA

Sila Lúa, con raíces viguesas, combina a música urbana en español e a electrónica experimental. Afincada en Madrid tras pasar unha bota tempada en Londres, onde descubriu novas formas de facer música, estilos e mesturas innovadoras, publica este ano o seu álbum de debut, pero xa de seguro que a escoitaches na cuarta tempada da serie Élite en Netflix, onde soan os seus temas «Nada» e «Quiero llorar».

14 XULLO | ALFREDO TEJADA

Cantaor flamenco de voz pura, grande potencia e sensibilidade que lle permiten adaptarse aos matices que requiren os diferentes estilos do flamenco. Fillo de artistas e neto de “El Tito” tamén cantaor, Alfredo Tejada é un todoterreo do oficio que percorreu os principais festivais, tablaos, peñas e teatros só ou na compañía de grandes figuras como La Lupi, Mario Maya, Fuensanta 'La Moneta' ou Rocío Molina , entre outras. Gañador do 57º Festival Internacional del Cante de las Minas e Mellor cantaor de acompañamento no Festival de Jerez 2020.

15 XULLO | MJ PÉREZ

A voz e a guitarra da cantautora de Arzúa beben de diferentes estilos, do rock-pop nos seus primeiros traballos aos sons latinos e a música de raíz do seu último disco A luz prendida. Catro álbums, máis de 200 concertos en Galicia e Portugal e un rebulir creativo que levaron a MJ Pérez incluso a xuntar as dúas Rosalías, a poeta galega e a artista catalá, na súa versión «Malaxente».

21 XULLO | ANXO ARAÚJO

O pontevedrés Anxo Araújo compón cancións que inspiran momentos de cambio, de autoafirmación e de reflexión sobre a importancia das cousas. Un pop que estila melancolía nas formas pero deixa un pouso de felicidade e vitalismo con cada escoita. Plan de urbanismo para un novo couto mixto é o seu primeiro traballo de estudo en solitario, nacido no contexto dunha pandemia coa vontade de superar todas as crises.

22 XULLO | KIMBERLEY TELL

Coñecida pola súa faceta como actriz nas series Buscando el norte, Hierro ou Campamento Albanta, a canaria debuta na música en 2020 cun EP que tamén formou parte da banda sonora doutra serie de éxito: Élite. A longo de 2022, Kimberley Tell está a debullar os temas do seu segundo traballo, Error 404, no que mantén a súa aposta polas melodías limpas e letras que falan do íntimo, dando forma a un indie pop rico en influencias.

28 XULLO | CARLA GREEN & THE DEMONS

Banda compostelana que leva desde 2017 traendo aos escenarios o mellor soul dos anos 60 e 70. Formada por músicos cunha dilatada traxectoria no jazz, o blues e o swing, Carla Green & The Demons inclúe no se repertorio temas de grandes clásicos como Etta James, Otis Redding ou Wilson Pickett, e composicións propias nas que se achegan tamén aos ritmos do soul e o funk latino. Gañadores do premio Martín Códax 2020 dentro da categoría blues/funk/soul.

29 XULLO | MUNDO PRESTIGIO

Un proxecto a medio camiño entre unha banda e un grupo de produtores, nacido en Vigo en 2019 froito da reconversión do grupo de noise rock Jay. Samplers, hip hop e ritmos urbanos dan forma ás paisaxes instrumentais que son a base sobre as que Mundo Prestigio constrúe os seus temas en colaboración con artistas da escena contemporánea galega como Boyanka Kostova, Grande Amore, Ortiga ou Mariagrep.

ATARDECER NO GAIÁS - AGOSTO

4 AGOSTO | NACHO·FAIA·LAR

Tres referentes da vangarda musical galega únense en Nacho·Faia·Lar para dar forma a De não saber o que me espera, un proxecto que nos ofrece unha mirada única, contemporánea e transgresora sobre o repertorio do artista portugués Zeca Afonso. Nacho Muñoz (Igmig; electrónica), Faia Díaz (De Vacas; voz) e Lareira Legido (Sumrrá; batería) abren a porta á experimentación sonora para renovar a tradición da canción galego-portuguesa.

5 AGOSTO | RUISEÑORA

Ruiseñora fusiona electrónica, saetas, psicodelia e tradición folclórica española rachando os clixés da música popular. Atilio González e Elia Maqueda teletransportan a copla de comezos do século XX a un novo milenio para apropiarse das pistas de baile e da cultura club actual. Música que fala de feridas, de raíces, de maxia e ritos cunha devoción absoluta pola electrónica máis cósmica e polo o folclore estremeño.

11 AGOSTO | XUVENTUDE CREA: ALICIA OTERO  MARIÁN | XENERASON ROCK: ROCKAÍNA

Tres propostas que parten do talento musical máis novo recoñecido no programa Xuventude Crea do Goberno galego e no certame XeneraSon Rock, dirixido a bandas noveis das academias de música de Galicia e Portugal. Alicia Otero (1º premio) e MARIÁN (2º premio), gañadoras na especialidade de música do Xuventude Crea 2021 subirán ao escenario no Gaiás canda Rockaína, segunda clasificada na última edición do XeneraSon Rock.

12 AGOSTO | LUSILLÓN

Lusillón empezou facendo versións desde a intimidade do seu cuarto durante a corentena para pasar a compoñer temas propios («Un vermú conmigo» é o seu tema máis coñecido) e a facer colaboracións con outros artistas, como o popular «Ikea» con Álex Granero. Cun estilo musical con toques de lofi, pop e indie, a madrileña sae das paredes do seu cuarto para tomar os escenarios.

18 AGOSTO | TERRAE

Ambientalismo, techno e folclore definen o proxecto musical (e show audiovisual) de Terrae. Nacidos en pleno confinamento, buscan recuperar a simbiose entre a natureza e o ser humano a través do baile. Unha comuñón entre a música de raíz e a electrónica coa que buscan ser os fíos condutores dunha enerxía positiva para un cambio global.

19 AGOSTO | BASANTA

Rodeados de misterio, Basanta transita entre riffs, melodías pop e psicodelia. Unha posta en escena e letras que coquetean co paganismo e o ocultismo do rock dos 60 e 70 pero que desbota a nostalxia en favor dun son fresco e actual. Co seu primeiro álbum, Colorama (2018) foron merecedores do premio nacional da música e das artes POP EYE 2019 na categoría de banda de rock.

25 AGOSTO | CALDO

María Jorge (violín), Anaïs Barbier (voz e pandeireta) e Pedro Fariñas (guitarra e gaita) forman Caldo, un trío afincado no Valmiñor que achega a música tradicional a contextos sonoros contemporáneos a través da experimentación cos propios instrumentos. Cun formato puramente acústico, a súa proposta integra melodías tradicionais galegas e composicións propias con influencias das músicas europeas e atlánticas, unha fusión natural que vai directa ao sentir do público.

26 AGOSTO | NÉBOA

Polo mesmo ronsel que combina a canción tradicional con ritmos contemporáneos, navega Néboa. O seu resultado é un interesante pop-folk con toques de electrónica, jazz e trip-hop que constrúe ambientes nos que deixarse arrolar pola voz e as delicadas bases que constrúe o quinteto galego. Intimidade e experimentación para presentar Fósforo, EP de cinco temas que dá continuidade ao seu primeiro traballo longo, A realidade enganosa.