A Biblioteca de Galicia festexa o Día das Escritoras homenaxeando a Xohana Torres

Santiago de Compostela, 19 de Outubro de 2021

A Biblioteca de Galicia súmase á conmemoración do Día das Escritoras co encontro Non se acouga con tanta multitude: unha aproximación á obra literaria de Xohana Torres. O Auditorio Neira Vilas da Biblioteca de Galicia acolleu unha conversa entre as autoras Montse Pena Presas e Dolores Vilavedra, que revisou desde unha perspectiva poliédrica e divulgativa a traxectoria da poeta, dramaturga, narradora e ensaísta galega. Esta abordaxe comezou pola poesía de Xohana Torres, para seguir coa escrita dramática e a produción narrativa, sen esquecer o seu papel como pioneira da literatura infantil e xuvenil galega.

O encontro, que comezou ás 19,00 horas, contou coa presenza do secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, quen puxo en valor a traxectoria desta autora galega, Premio da Crítica Española en 1981, e incidiu “na calidade e diversidade da súa obra escrita e do seu significativo papel no desenvolvemento da nosa literatura e na normalización e espallamento da lingua galega”. O evento, retransmitido en liña, está dispoñible na canle de YouTube da Cidade da Cultura.

O Día das Escritoras

A conmemoración do Día das Escritoras arrancou en 2016 por iniciativa da Biblioteca Nacional de España, a Federación Española de Mulleres Directivas, Executivas, Profesionais e Empresarias (FEDEPE) e a Asociación Clásicas e Modernas. Desde aquela, procura visibilizar o labor das mulleres no ámbito literario. Celébrase cada ano no luns máis próximo á data do 15 de outubro, correspondente á festividade da escritora e relixiosa santa Tareixa de Ávila.