Asesoramento a empresas e profesionais culturais sobre medidas e axudas fronte ao COVID-19

Santiago de Compostela, 21 de Maio de 2020

A Xunta de Galicia, en colaboración coa Cámara de Comercio de Santiago de Compostela, pon en marcha un servizo de asesoramento dirixido a empresas e profesionais culturais no marco do Plan de Reactivación dos sectores cultural e turístico fronte aos efectos derivados do COVID-19. Terá como obxectivo dar resposta a todo tipo de dúbidas de carácter laboral, fiscal e mercantil relacionadas coas medidas deseñadas para paliar as consecuencias económicas do COVID-19, asesorando sobre as diferentes liñas de axudas ás que poden optar as empresas e profesionais do sector cultural, así como outras dúbidas sobre cuestións como ERTE, prestación por cese de actividade, plan de desescalada, moratorias nas cotizacións á Seguridade Social, aprazamentos de impostos, etc.

Este novo servizo estará dispoñible en liña e tamén de xeito presencial na Cidade da Cultura e comezará a funcionar a partir do luns 25 de maio. Os detalles do mesmo foron presentados polo conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e o vicepresidente da Cámara de Comercio de Santiago, José Carballo.

O titular de cultura do Goberno galego destacou que este novo servizo prestará apoio a un sector clave, no que traballan máis de 34.000 persoas en Galicia e que representa un 2,5% do PIB. Esta nova medida forma parte dun plan de reactivación dirixido ao sector cultural, no que a Xunta engloba 22 medidas e 49 accións centradas na cultura.

"Queremos ofrecer un asesoramento profesional para que a ninguén lle falte información, para optimizar todas as posibilidades de axuda que se están a pór en marcha. Sabemos, ademais, que estamos nun sector con pequenas e medianas empresas, moitas delas non teñen a estrutura administrativa necesaria para moverse con seguridade nestes novos marcos normativos e coidamos que este servizo será unha ferramenta tremendamente útil", asegurou o conselleiro.

Pola súa banda, José Carballo quixo agradecer “á Xunta de Galicia a confianza depositada na Cámara de Comercio de Santiago para levar a cabo o asesoramento e consultoría ás empresas dos sectores culturais, para a resolución de todo tipo de dúbidas que poidan xurdir entre estes profesionais para a reactivación do sector cultural fronte aos efectos derivados do COVID-19”, puntualizou.

Apoio a profesionais da cultura

Poderase acceder ao servizo de asesoramento de xeito telemático na web cidadedacultura.gal ou de forma presencial no Museo Centro Gaiás os mércores, xoves e venres en horario de 10 a 14 horas. De optar polo servizo de atención presencial cómpre pedir cita previamente a través do email asesoramentocultural@cidadedacultura.org.

Entre a súa oferta de servizos inclúese o apoio a autónomos e empresas culturais na procura de financiamento, incluíndo información sobre as liñas de axudas e crédito artelladas no marco da emerxencia sanitaria e asesoramento personalizado para o acceso ás mesmas. Tamén se ofrecerá orientación na mellora da competitividade empresarial, en temas como plan de negocio e apertura de novos mercados e consultoría sobre cuestións laborais, fiscais e mercantís no contexto do COVID-19.

Ademais, as empresas e profesionais da cultura poderán acceder ao servizo para informarse en materia de internacionalización, xa sexa para a elaboración dun diagnóstico e plan de acción a curto prazo, para recomendacións en prospección de novos mercados e estratexias de internacionalización, ou para acceder a asesoría en dúbidas puntuais nesta área (como aranceis, documentos aduaneiros, fiscalidade, transporte internacional, misións comerciais...).

 
Foto: Rocío Cibes
Foto: Rocío Cibes
foto: Rocío Cibes