Analizamos os desafíos da creación de contidos dixitais na era post COVID-19 no primeiro Foro #ACULTURASEGUE

Santiago de Compostela, 15 de Maio de 2020

A comisaria do Xacobeo 2021, Cecilia Pereira, conduciu esta tarde a primeira sesión dos Foros #ACULTURASEGUE. Reflexións sobre a cultura na era post COVID-19. Este encontro virtual estivo centrado concretamente nos retos e oportunidades da creación de contidos dixitais no eido cultural e foi seguido na rede por arredor de 300 persoas. Contou coa participación da responsable de programas virtuais do Museo Reina Sofía, Olga Sevillano, e do profesor da USC e coordinador de proxectos dixitais do Consello da Cultura Galega, Manuel Gago. Ambos debateron a analizaron os desafíos que as novas tecnoloxías presentan para os profesionais do eido cultural e creativo e as oportunidades que ofrecen no contexto actual de crise sanitaria para achegar ao público a oferta de institucións e entidades culturais.

Os Foros #ACULTURASEGUE. Reflexións sobre a cultura na era post-COVID-19 compóñense dunha serie de encontros en liña –en formato webinario– con especialistas procedentes do eido cultural, co obxectivo de convidar á reflexión e á análise dos retos aos que se enfronta o sector no panorama actual, marcado pola emerxencia sanitaria. Impulsados pola Xunta de Galicia, a través da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, enmárcanse no Plan de reactivación dos sectores cultural e turístico fronte aos efectos derivados da COVID-19, promovido polo Goberno galego. Todos eles poden seguirse por videoconferencia previo rexistro de balde en cidadedacultura.gal. A este primeiro encontro seguiranlle nas vindeiras semanas outros sete, centrados en temas como novos formatos e mercados, novo perfil de consumidor ou os retos para sectores como as artes escénicas ou a música na era post COVID-19.