Aberta a convocatoria de residencias das REGA 22 para proxectos de artes plásticas, escénicas, musicais ou de deseño

Santiago de Compostela, 06 de Xullo de 2022

As Residencias artísticas do Gaiás - REGA veñen de lanzar a súa convocatoria de 2022 na procura de proxectos culturais vencellados ás artes visuais, escénicas, musicais e ao deseño. Serán seleccionadas un máximo de catro propostas –unha por cada área–, e os seus promotores recibirán unha bolsa dotada con 8.000 euros e realizarán unha residencia de entre tres semanas e mes e medio na Cidade da Cultura de Galicia. A convocatoria ten en conta o carácter híbrido da cultura actual e valorará positivamente a ligazón dos proxectos candidatos con outras disciplinas non recollidas nas bases.

A Xunta de Galicia impulsa esta iniciativa co obxectivo de apoiar o talento e dar visibilidade á creación contemporánea. Así, a convocatoria das REGA 22 dá continuidade e amplía a ambiciosa liña de traballo iniciada xa en 2021 para consolidar o Gaiás como rótula do ecosistema cultural galego e impulsar dentro do sector procesos de investigación, innovación e formación, en liña cos obxectivos do II Plan Estratéxico da Cidade da Cultura.

No marco das Residencias Artísticas do Gaiás, os artistas teñen á súa disposición os espazos, recursos e equipos técnicos da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades na Cidade da Cultura para apoialos no desenvolvemento de proxectos culturais, consolidando este espazo como viveiro creativo.

Prazo aberto

A convocatoria, que se publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) cun prazo dun mes para a recepción de candidaturas, está dirixida a artistas individuais ou colectivos galegos, que desenvolvan a súa actividade no territorio de Galicia. Cada participante poderá presentar unha única solicitude e non se poderá optar a máis dunha área. No caso de colectivos, poderán presentarse aqueles que xa se constituíron como persoa xurídica, ou grupos de persoas individuais que presenten conxuntamente un proxecto.

As residencias deberán desenvolverse entre os meses de setembro e decembro de 2022 e o resultado das mesmas poderá ter unha vertente de investigación, unha dimensión práctica ou mixta. Ademais, os proxectos poderán formar parte do programa cultural da Cidade da Cultura de Galicia.

As candidaturas poden presentarse a partir de mañá e ata o vindeiro 8 de agosto a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (Código de procedemento CT898A). As bases poden consultarse na súa totalidade no Diario Oficial de Galicia.

Residencias Artísticas do Gaiás 2022

No marco do programa REGA 22 este ano estanse a desenvolver na Cidade da Cultura ata 25 novas propostas de vangarda que abranguen múltiples disciplinas artísticas, desde a danza e as artes escénicas, ata a música, a literatura, as artes plásticas ou audiovisuais e o multimedia, e en colaboración con asociacións e institucións como o Centro Dramático Galego, o colectivo RPM, a asociación cultural AÏS e o Festival RESIS de Música Contemporánea, ou a Universidade de Vigo.

A través deste programa de residencias, a Xunta de Galicia ofrece catro recursos fundamentais para a creación: tempo, espazos, equipos técnicos e unha ampla rede de alianzas que enriquecen a propia experiencia das persoas residentes e que posibilitan tamén ampliar o impacto do seu resultados máis aló do Gaiás.