Tres diálogos en liña –retransmitidos a través da nosa canle de Youtube– é a proposta á que vos convidamos o sábado 6 de marzo para analizar a participación da muller na adopción de decisións e en roles de liderado en distintos ámbitos, poñendo o acento en tres sectores profesionais onde tradicionalmente a presenza masculina ten sido maioritaria, como poden ser o da tecnoloxía, o comisariado de exposicións e a dirección de galerías de arte, ou a Igrexa. Mulleres líderes: diálogos en liña por un futuro igualitario é unha actividade enmarcada nos actos do 8M, Día Internacional da Muller, e non en van, o seu lema entronca co escollido por ONU Mulleres para a conmemoración desta data en 2021: Mulleres líderes: Por un futuro igualitario no mundo da covid-19.
Estes encontros dixitais constan de tres conversas de 15 minutos –conducidas pola antropóloga especialista en estudos feministas Guadalupe Jiménez-Esquinas– con tres mulleres de dilatada experiencia profesional. Así, contarase coa participación da doutora enxeñeira en Telecomunicación Edita de Lorenzo, vicedecana do Colexio de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia e primeira muller á fronte dunha Escola de Enxeñaría de Galicia, concretamente da de Telecomunicación da Universidade de Vigo, que dirixiu entre 2009 e 2017 e onde é profesora titular do Departamento de Teoría do Sinal e Comunicacións.
Desde o ámbito da cultura compartirá a súa experiencia Asunta Rodríguez, propietaria da galería compostelá Trinta, que dirixe desde hai 30 anos e coa que conta cunha extensa traxectoria en Arco, onde recibiu en 1995 o premio á mellor galería española. Por último, o encontro analizará tamén o papel da muller no ámbito da Igrexa a través da visión de Marisa Vidal Collazo, integrante desde hai máis de 20 anos da Asociación de Mulleres Cristiás Galegas Exeria, cunha extensa traxectoria de activismo no campo da teoloxía e o feminismo.
Todas elas partirán da súa experiencia vital para reflexionar sobre a situación pasada, presente e futura das mulleres na toma de decisións e a súa presenza en sectores e papeis cun liderado habitualmente masculino.
Convidadas de referencia
|
Asunta Rodríguez é licenciada en Historia da Arte pola USC e propietaria da galería compostelá Trinta desde 1993 –dirixíndoa xa desde 1991–. Ao longo dos últimos 30 anos ten realizado importantes exposicións de artistas nacionais e internacionais, xeralmente vinculados á fotografía e á arte conceptual españolas. Recibe o premio á mellor galería española en Arco'95 e en 2015 o premio da Cultura de Galicia outorgado pola Xunta de Galicia; tamén en 2015 é nomeada membro de número da Real Academia Galega de Belas Artes na sección de expertos das artes; e en 2016 recibe o galardón á mellor galerista outorgado por MAV (Mulleres nas Artes Visuais). |
![]() |
|
Edita de Lorenzo é profesora titular do Departamento de Teoría do Sinal e Comunicacións da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo, da que foi directora entre 2009 e 2017. As súas liñas de investigación encádranse dentro da análise e síntese de antenas e dos sistemas de detección por microondas. Ademais é vicedecana do Colexio de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG) e vicepresidenta da Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (AETG) dende maio 2017; secretaria da Xunta Directiva da Asociación PuntoGal dende xuño 2017; e vogal (experta en tecnoloxía) da Unidade de Muller e Ciencia de Galicia dende 2011. |
![]() |
|
Marisa Vidal Collazo é profesora de secundaria de Física e Química que ademais conta cunha extensa traxectoria de activismo no campo da teoloxía e o feminismo, que artella desde a Asociación Mulleres Cristiás Galegas Exeria –á que pertence desde hai máis de 20 anos– e outros espazos como a Rede Miriam, ou a Asociación de Teólogas Españolas. É ademais secretaria de redacción da revista Encrucillada, Revista Galega de Pensamento Cristián –onde ten escrito diversos artigos sobre muller e Igrexa– e colaboradora habitual da revista Irimia. |
![]() |
| Guadalupe Jiménez-Esquinas é antropóloga social e profesora da Universidade de Santiago de Compostela. A súa investigación sobre as mulleres da Costa da Morte recibiu o premio á mellor tese sobre estudos feministas da EHU/UPV e tamén recibiu o primeiro premio da USC á introdución da perspectiva de xénero na docencia e na investigación en 2017. As súas liñas de investigación poden enmarcarse nos estudos críticos do patrimonio dende unha perspectiva feminista. | ![]() |
.




